Tres foodtrucks promocionarán polos concellos de Pontevedra as festas de interese turístico da provincia
PONTEVEDRA
Un dos obxectivos desta iniciativa da Deputación Provincial é desestacionalizar o turismo
11 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.A gastronomía é un elemento fundamental da promoción turística da provincia. É algo que teñen moi presente no seo da Deputación de Pontevedra, que este mércores presentou unha nova proposta nesta dirección protagoniza por unha serie de foodtrucks: «Unha campaña que vai chegar a todos os concellos de Pontevedra, onde vai haber un número moi importante de degustacións», en palabras do deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, de produtos elaborados con materia prima procedente da costa, pero tamén do interior.
Neste sentido, o presidente provincial, Luis López, situou esta iniciativa na potenciación das festas gastronómicas das Rías Baixas. «Vamos a contar con tres furgonetas con cociña, con tres foodtrucks, que van a percorrer a partir do 28 de xaneiro e ata finais do mes de abril os 61 consellos da provincia divididos en tres zonas: norte, centro e sur. Todos os que se achegan a eles van a poder degustar tapas inspiradas nas festas de interese turístico que hai no conxunto da provincia e alí tamén van a descubrir onde e cando van a poder achegarse a eses fermosos lugares nos que hai estas festas de interese turístico», precisou.
Cada un destes vehículos visitará un mínimo dun día e un máximo de tres cada concello ofrecendo como mínimo un prato inspirado en cada unha das vinte e cinco festas gastronómicas da provincia: «A previsión é repartir máis de trescentas degustacións durante ese período», apuntou en relación a unha iniciativa que aposta «por unha oferta turística diversa e de calidade coa que pretendemos atraer visitantes na tempada baixa, algo no que xa na Estratexia Rías Baixas Turismo 61 marcamos dende un principio».
Pola súa banda, desde o sector incidiuse, a través de Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, en que «todo o que sexa axudar a desestacionalizar, nos axuda moitísimo (...) a manter os postos de traballo, a manter os nosos establecementos abertos. E, inda que pareza mentira, dentro da propia provincia somos grandes descoñecedores de todos os destinos, de todos os produtos que temos». «O turismo sen gastronomía non é un turismo completo», acoutou José Crespo, alcalde de Lalín.
De cara ao 2026, Vázquez Almuiña avanzou que se seguirá «facendo unha promoción que chegue fora de España, a internacionalización como tal e, desde logo, a desestacionalización». E é que para o sector «é fundamental ter unha capacidade de ocupación durante todo o ano que poida dar, tamén, estabilidade aos traballadores», engadiu.