A declaración de herdeiros de Castelao será accesible para toda a cidadanía través da Biblioteca Dixital de Galicia

PONTEVEDRA

O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou este martes a «relevancia histórica, social e cultural» do descubrimento en Pontevedra deste documento
21 oct 2025 . Actualizado á 16:03 h.Tras destacar a «relevancia histórica, social e cultural» do descubrimento da declaración de herdeiros de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que xa se custodia no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e pode ser consultada por investigadores, o conselleiro de Cultura, José López Campos, anunciou que o documento tamén estará dispoñible na Biblioteca Dixital de Galicia Galiciana para que sexa accesible a toda a cidadanía.

Así o adiantou nunha visita ao Arquivo, no que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. López Campos interpretou o descubrimento como unha «importante achega» para a recta final do Ano Castelao, no que se está a conmemorar o 75 aniversario do pasamento do intelectual galeguista. O titular de Cultura incidiu na importancia dun documento «que permitirá seguir investigando e achegando aínda máis datos ao redor da figura dun dos personaxes máis senlleiros da historia política e cultural da Galicia contemporánea».
López Campos considerou do «máis axeitado» que a súa custodia e conservación recaia neste organismo de Pontevedra, onde o expediente poderá ser consultado «seguindo, como non pode ser doutro xeito, o rigoroso protocolo establecido para este tipo de documentos».

Pola súa banda, Ernesto Vázquez-Rey, presidente da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, calificou o achado de «interesantísimo porque aínda que o documento non contén documentación orixinal, porque xa foi no seu día desglosada, non deixa de ser un achado documental e histórico». Remarcou que «atestigua algo que se recoñecía, que é a sucesión cara as irmáns de Castelao. Sempre é importante documentalo».

Resaltou o feito de que «este documento teña aparecido e, ademais, de feito tan sorpresivo, non deixa de alegrarnos moito». E engadiu que a súa importancia a nivel histórico reside en que, aínda que xa se coñecían os feitos e consecuencias recollidas no documento, é preciso que estos teñan un soporte documental. «Xa se sabía que as herdeiras de Castelao foran as súas irmáns porque a lexislación española do momento impedía que Virginia fose a súa herdeira. De feito, esta declaración faise con posterioridade á morte de Virginia e por iso é importante que haxa un documento que acredite cando se fixo, quen o fixo, en que data e con que resultado», explicou o presidente de AMUPo.