A derradeira lección do mestre Castelao chegará ao Museo de Pontevedra en 2026

A. Davila PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Rafa Domínguez, Jose María Alén, Luis López y Ángeles Tilve junto a la lámina del cuadro de A derradeira lección do mestre.
Rafa Domínguez, Jose María Alén, Luis López e Ángeles Tilve xunto á lámina do cadro da derradeira lección do mestre. Ramón Leiro

A Deputación avanza os trámites coa Arxentina para a exposición do cadro cume da obra do autor de Rianxo

02 oct 2025 . Actualizado á 16:47 h.

A Deputación de Pontevedra deu o primeiro paso para que o Museo provincial poida exhibir en 2026 unha das pezas máis emblemáticas da arte galega: A derradeira lección do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O presidente da institución provincial, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, mantiveron un encontro no Museo de Pontevedra co presidente do Centro de Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén, entidade que custodia actualmente o cadro.

Tras a reunión, López subliñou a importancia do acordo: «Hoxe damos o primeiro paso para que Castelao poida impartir a súa ‘derradeira leición' na súa segunda casa: o Museo de Pontevedra». O mandatario provincial lembrou que a obra, concibida como homenaxe a Alexandre Bóveda, é «unha lección de humanidade, de sensibilidade na homenaxe ao seu amigo asasinado, Alexandre Bóveda; de memoria histórica e de pacifismo e denuncia das atrocidades bélicas».

O cadro forma parte da colección Galicia Mártir, integrada por 31 debuxos sobre a Guerra Civil. O Museo de Pontevedra conserva a lámina orixinal que serviu de base para a pintura, o que reforza o valor simbólico da súa posible exhibición conxunta. Esta lámina orixinal serviu na mañá deste xoves como a mellor introdución á obra na posta en valor que desde a institución provincial quixeron facer para facer públicas as avanzadas negociacións para que o cadro visite a Boa Vila. 

A mostra sobre o autor que alberga a sala da segunda planta do museo poderá manter un diálogo con esta obra pictórica que foi concibida en 1945 por Castelao nos seus anos do exilio e cunhas dimensións de dous metros de longo por 136 cm de ancho. O cadro é considerado por moitos como o Guernica galego polo seu simbolismo e a desgarradora historia que conta a súa imaxe.

O vicepresidente Domínguez destacou a relevancia de que a obra chegue a Pontevedra: «Se hai algo que fai recoñecible o museo de Pontevedra é sen dúbida Castelao. Desde que chegamos ao Museo de Pontevedra tiven unha obsesión: Que a obra cume de Castelao puidese vir ao Museo de Pontevedra para dialogar con resto da súa obra».

O presidente do Centro de Galicia de Bos Aires, José María Alén, mostrou plena disposición para facilitar a cesión temporal: «A disposición é máxima para que os galegos non teñan que ir a Bos Aires para velo e podan facelo aquí. Para que o cadro sexa visto por o maior número de xente». Engadiu ademais que «A Derradeira Lección do Mestre son símbolos de Galicia indiscutiblemente e non é propiedade do Centro de Galicia de Bos Aires é de toda Galicia e de todos os galegos».

A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, lembrou a estreita relación entre Galicia e Buenos Aires ao redor da figura de Castelao e asegurou que «en ningún sitio este cadro podería expoñerse en mellor contexto».

De concretarse un acordo que avanza de xeito correcto con embaixada e ministerio de cultura arxentino, o ano 2026 marcará un fito na historia do Museo de Pontevedra. Por primeira vez a cidade do Lérez acollerá, aínda que sexa de forma temporal, óbraa cume de Castelao xunto ao resto da súa colección. A primeira e única vez que esta obra emblemática dun dos referentes da cultura galega visitou Galicia foi no ano 2018. Naquel entón o cadro formou parte dunha exposición temporal no museo Gaiás Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.