Iníciaa Escola de Música de Vilanova esta noite o curso con case 219 alumnos

La Voz VILANOVA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MARTINA MISER

A partir das nove haberá un acto con actuacións en directo no auditorio

29 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Ás nove desta noite arrincará, no auditorio de Vilanova, un novo curso da escola municipal de música. O acto estará aberto a todas as persoas interesadas —haberá actuacións en directo—, aínda que especialmente ás 219 que se matricularon nas distintas disciplinas ás que se pode acceder a través deste centro de ensino.

O alcalde de Vilanova, o popular Gonzalo Durán, lembraba estes días que o centro está a piques de cumprir os vinte anos de idade. Un tempo no que cambiou moito: creceu o alumnado, pero creceu tamén a escola en infraestruturas —da casa de cultura de Ou Esteiro ao auditorio— e en instrumental de calidade. O director da escola, Suso Nogueira, explicou que a intención é a de seguir crecendo naqueles aspectos que se traduzan nunhas mellores condicións de aprendizaxe para o estudantado. Nese sentido, agradeceu a colaboración da Xunta co centro, xa que a través do programa Canteira de Sons permitiu adquirir instrumentos de gran calidade. Tamén quixo facer un agradecemento público á Deputación e ao Concello.

Nestes momentos, explica Nogueira, o centro ten 219 alumnos, «que non son poucos para unha localidade como esta». A maioría son do pobo, pero tamén hai quen chega desde outros concellos da zona. O director do centro non oculta a súa satisfacción por un dato: o 60% dos docentes son vilanoveses e moitos formáronse xa no centro no que agora dan clase. Gonzalo Durán, pola súa banda, mostrou o seu desexo de que o centro siga crecendo: «Un pobo culto non colle as armas. A cultura, a música, son a forma máis clara de dicirlle non á barbarie e á guerra».