
A banda pontevedresa triunfou na audición no Festival da Luz
04 sep 2025 . Actualizado a las 19:50 h.A banda pontevedresa Pablo y los Ciervos Dorados foi a gañadora da audición final do concurso Sonidos Mans Salas, organizado pola Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans en colaboración coa Deputación da Coruña.
A audición final celebrouse no Espazo Mans do Festival de la Luz, un evento solidario que se organiza cada ano no concello de Boimorto. As tres propostas finalistas que actuaron en directo diante do xurado foron Crúas (Vigo), Sara Gimeno (Cangas) e Pablo y los Ciervos Dorados (Pontevedra), resultando gañadora esta última proposta, que gravará un EP e videoclip nos Estudios Mans e tocará nunha sala de recoñecido prestixio de Galicia. Os outras dúas bandas finalistas, terán tamén a súa recompensa coa gravación dun tema e videoclip.
Pablo Corbillón, vocalista e músico de Pablo y los Ciervos Dorados, declaraba tras a entrega do premio: «Fainos unha ilusión inmensa. Nin sequera contabamos con chegar á final, e moito menos con gañar. Estamos profundamente agradecidos pola oportunidade. Poder presentar o noso proxecto no Festival de la Luz é moi especial para nós, sobre todo ao ver que os nosos temas, que non son precisamente fáciles, atopan o seu espazo e conexión co público».
Nesta nova edición de Sonidos Mans Salas, presentáronse desde o pasado 8 de xullo a través da web do concurso, un total de 82 propostas musicais de toda Galicia. Delas, 43 procedían da provincia da Coruña, 30 da de Pontevedra, 6 son de Lugo e 3 de Ourense.
O xurado desta edición, que se encargou de avaliar a posta en escena dos proxectos tanto na fase previa como na audición final de Boimorto, estivo composto polo xornalista especializado en música Javier Becerra, a escritora e música en Pava, Lucía Aldao e o músico da banda Grande Amore, Nuno Pico.