Xogos, música tradicional e teatro no día da festa das Letras en Pontevedra

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Unha animada rúa Serra, en Pontevedra, este sábado con Peter Punk e o xogo tradicional con Miudiño
Unha animada rúa Serra, en Pontevedra, este sábado con Peter Punk e ou xogo tradicional con Miudiño Ramón Leiro

Marín despide hoxe a experiencia de Vila do Libro cunha chea de propostas

18 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A cidade de Pontevedra sumouse este sábado á celebración do Día das Letras Galegas que tivo o seu epicentro en Malpica de Bergantiños co acto oficial da Real Academia Galega (RAG). Unha xornada de festa este 17 de maio que a RAC personificou este ano en sete mulleres: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda (as Pandeireteiras de Mens, Malpica).

Na cidade o concerto central das Letras foi pola mañá no Teatro Principal coa Coral Polifónica e a Banda de Música de Salcedo. O himno galego do peche puxo ao público en pé. Este mes de maio é o mes da lingua, e hai propostas ben variadas para pequenos e maiores. Este sábado festivo e de festa tivo un dos seus actos pola mañá na rúa Serra da man do Centro Social A Pedreira e a Festa da Lingua 2025. Os cativos transformaron por unhas horas unha rúa que pide a berros máis vida. Foi da man de Peter Punk e o seu xogo tradicional con Miudiño. O programa infantil completouse coa ruada con Foula e os libros viaxeiros. Tampouco faltou a música nesta data á hora do vermú no mesmo emprazamento. Foula e as Pandeireteiras de Quizeza puxeron o seu bo facer nun Día das Letras no que se honra ás mulleres, cantareiras e pandeireteiras, de todo o país pola súa contribución a manter esa tradición oral que hoxe outros e outras reinventan.

O concerto das Letras do Principal contou cunha adaptación de «El Quijote» en galego, con interpretación do artista Nani Matos
Ou concerto dás Letras do Principal contou cunha adaptación de «O Quixote» en galego, con interpretación do artista Nani Matos ASOCIACIÓN MÚSICO CULTURAL SAN MARTIÑO DE SALCEDO

Xa pola tarde, as actividades de Maio, mes da lingua trasladáronse ao centro cultural de Monte Porreiro, onde esta iniciativa se fusionou co Ano Castelo. Foi coa representación de Pegadas de Castelao, a cargo de Migallas.

Noutros municipios da comarca tamén houbo propostas no Día das Letras. Foi o caso de Marín con Vila do Libro. Palabras que salvan futuros e removen presentes. Un programa que arrancou o venres e que remata este domingo. Entre as moitas actividades desta derradeira xornada destaca o obradoiro de novela criminal Matar é doado, con Elena Gallego Abad, para o que había que inscribirse previamente.