O rock pecha un Salón do Libro con 20.000 visitas de escolares e público familiar

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra despediuse este domingo co concerto de clausura de RockLab, ao que non faltou Orbil
O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra despediuse este domingo co concerto de clausura de RockLab, ao que non faltou Orbil Martina Miser

O espectáculo de clausura correu a cargo de RockLab, coa colaboración do coro de Barcelos, a Sinfónica Infantil de Pontevedra, alumnos do CEP Marcos da Portela e exalumnado do obradoiro de creación musical do Concello

07 abr 2025 . Actualizado a las 15:31 h.

O Salón dixo adeus este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. Trala intensa xornada e a clausura musical a cargo do RockLab, foi momento de facer balance desta edición 26 dedicada ao cinema e que tivo a Francia como país convidado. Durante dezasete días pasaron polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil unhas 20.000 persoas e houbo 300 actividades, 150 para os 34 centros de ensino colaboradores de infantil, primaria e secundaria; e outras 150 para público familiar. A organización estima que traballaron case 150 persoas entre a coordinación e empresas e entidades que impartiron actividades, técnicos, limpeza e monitorado.

O domingo rematou a ritmo de rock e cine da man de RockLab e amigos. Con oito cancións nas que versionaron El día de la bestia, de Def Con dos; Mindfields, de Prodigy; Glory box, de Portishead; Space Oddity, de David Bowie; Beat the Devil's Tattoo, de Black Rebel Motorcycle Club e Wake Up, de Arcade Fire. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez (BNG), dixo que xa se traballa no Salón do 2026. Neste «escoitamos contos, limos libros, gravamos películas, cociñamos pratos deliciosos. Danzamos, rimos, choramos, merendamos, soñamos e vivimos aventuras».

A derradeira xornada do Salón contou cos obradoiros de María Lado e a francesa Clothilde Frappier, O carro e o home de Antón K e a estrea do espectáculo de música e sombras para bebés A lanterna máxica, da man de Violeta della Roca. Non faltou a sesión de cinema no Principal, en colaboración co Cineclube, na que fixo acto de presenza a curmá de Orbil, Marceline Loup. Antes do espectáculo de clausura a cativada puido participar no obradoiro Bonjour à la musique, de Gaia Escola de Música, e elaborar da man de Reviravolta a Torta de Non-Aniversario, de Alicia no país das marabilllas, porque, como din no Salón, «non pode haber festa de despedida sen pastel».

Foi este un Salón que coidou aspectos para facelo máis inclusivo para todas as persoas e foi signado por ContAZ Lingua de Signos. Din desde a organización que a intensa actividade nas redes sociais supuxo máis de 500.000 visualizacións nas últimas semanas a través de Facebook e Instagram; mentras que o programa da web do Salón tivo máis de 14.500 visitas.