Cogami formará a 23 persoas en Pontevedra para que atopen un emprego: «As dificultades veñen polas etiquetas, por pensar que van traballar ou render menos»

Cristina Barral Diéguez
Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Eva Campos Cabaleiro, técnica de inserción laboral del Programa integrado de empleo de Cogami en Pontevedra
Eva Campos Cabaleiro, técnica de inserción laboral do Programa integrado de emprego de Cogami en Pontevedra COGAMI

Os seleccionados, 16 mulleres e 7 homes, teñen unha discapacidade de polo menos o 33 % ou incapacidade laboral para a súa profesión habitual

27 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) acaba de pór en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Trátase dunha iniciativa que está orientada ás necesidades do mercado laboral e na que participan persoas cun mínimo do 33 % de discapacidade recoñecida ou con incapacidade laboral para profesión habitual que concede a Seguridade Social. O plan está financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Participan en Galicia cen presentas, 54 homes e 46 mulleres.

O programa desenvólvese en Ourense, Ferrol, A Coruña e Pontevedra. Impartiranse 330 horas lectivas distribuídas en cursos con temáticas adaptadas ás necesidades das empresas e do mercado laboral. Rematada a formación teórica, o programa contará con 50 horas de prácticas non laborais en empresas. O obxectivo de inserción que persegue é do 40 % dos participantes. Na edición anterior acadouse o 58 %.

No caso de Pontevedra, o servizo de emprego de Cogami seleccionou a 23 persoas, 16 mulleres e 7 homes, cunha media de idade de 40-50 anos. Son 7 do municipio de Pontevedra; 3 de Marín ; 3 de Vilagarcía; 3 de Portas ; unha de Ponte Caldelas; unha de Moraña ; unha de Vilaboa ; 2 de Poio ; unha de Cambados e unha de Vilanova. A técnica de inserción laboral Eva Campos explica que o programa empezou en febreiro e que xa se realizou unha primeira entrevista con eles para ver que formación están interesados en recibir. O máis demandado é informática de nivel medio/avanzado e tamén coñecementos para desenvolver ocupacións como conserxe, control de accesos ou recepción. Aclara a técnica que a formación posterior con prácticas en centros de traballo non ten por que coincidir con estes cursos. Do que se trata, subliña, é de contribuír e axudar a unha procura activa de emprego. Os maiores obstáculos ou dificultades?, pregúntaselle. «As dificultades veñen polas etiquetas, o pensar que por ser persoas con discapacidade van traballar ou render menos. Por sorte, cada vez máis empresas saben que non é así. Outra cousa é que necesiten algunha adaptación», subliña Eva Campos, que destaca a motivación que hai este grupo de 23 persoas. Os cursos empezarán a finais de marzo ou principios de abril.

Unha delas é Verónica Fraga, de Pontevedra. Ten 44 anos e unha discapacidade recoñecida do 33 %. «Recentemente quedei en paro e hai anos que coñezo Cogami. Faláronme deste programa integrado de emprego e interésame porque quero atopar traballo», relata Verónica. O seu último posto foi como auxiliar administrativa. Gustaríalle conseguir algo estable e quere refrescar e actualizar coñecementos. «Hai cousas que dominas máis e outras menos. Trátase de mellorar», remacha.