David Braña e Pablo Prado transforman en viñetas «A batalla de Rande»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

cedida

O cómic sairá ao mercado o próximo 28 de marzo da man de Cascaborra, a edición en castelán, e Galaxia, a versión en galego

12 mar 2023 . Actualizado á 05:00 h.

O próximo 28 de marzo, e da man das editoriais Cascaborra e Galaxia, sairá ao mercado, tanto na súa edición en castelán como en galego, o cómic que recrea un dos episodios bélicos navais máis importantes da historia de GaliciaA batalla de Rande. Trátase dun fito que, incluso, Jules Verne plasmou nunha das súas novelas máis coñecidas, Vinte mil leguas de viaxe submarina.

PABLO PRADO

Agora o guionista David Braña e o debuxante Pablo Prado penétranse na historia real dun combate naval que se quedou fixado no imaxinario colectivo dos pontevedreses.

David Braña, guionista: «Pareceume que podería ser moi atractivo levalo ao formato cómic»

 

«Xa traballara coa editorial Cascaborra con Monte Arruit e Pax Anza, e habitualmente o que fai Julián, o editor, é ofrecerte diversos episodios históricos, por dicilo dalgún xeito, que o quere trasladar ao cómic. Neste caso, foi ao revés. Ofrecinlle o poder trasladar á colección este conflito, este enfrontamento e pareceulle ben», sinala o guionista David Braña ao aludir á xénese desta obra. «Pareceume que podería ser moi atractivo levalo ao formato cómic, ademais de que é un episodio histórico importante dentro da historia de España, pero, sobre todo, de Galicia», engadiu contando xa os días para que A batalla de Rande chegue ao mercado.

—No momento de recibir o visto e prace, tiña xa pensado colaborar con Pablo Prado?

—Tras recibir o si, púxenme a buscar un debuxante. Tiña claro que quería que fose alguén de aquí, da terra, máis que nada que coñecese a historia e para a promoción, poder movernos xuntos. Coñecía o seu traballo. Coñecino a través de redes e gústome moito. Os guionistas sempre que atopamos un debuxante que nos gusta, apuntámolo na reserva para, chegado o caso, ofrecerlle algo. Pareceume que este era o momento e aceptou enseguida. Foi un pracer o traballar con el.

—Que foi o máis complicado para documentar este episodio naval?

—Documentarse en si, xa é complicado. Temos internet, que é un luxo porque che facilita moito as cousas. Hai que entender que nos manexamos en tempos curtos. Temos unha data de entrega dun ano pactada co editor e tampouco te podes mergullar en lecturas moi densas ou que te leven moito tempo. Hai que buscar un equilibrio e ser áxil na documentación. Maiormente documéntome por internet, pero neste caso tiña a opción de visitar o Museo Meirande de Redondela que está dedicado á batalla de Rande, que me permitiu tomar fotografías e referencias visuais. E logo hai que contrastar. Moitas veces atópaste con contradicións e tes que saber elixir... Se cadra, non son informacións que prexudiquen moito a historia, como poden ser determinadas cifras ou así, pero teño claro que hai que tratar de ser o máis rigoroso posible.

—Ademais, imaxino que hai moito de lenda rodeando esta batalla?

—Si, claro. Atopei moita información que se centraba na propia historia e os feitos, digamos, verídicos dese momento. Tampouco atopei moitos relatos que toque o tema máis lendario, como pode ser Vinte mil leguas de viaxe submarina, de Verne, que colleu ese elemento de lenda, de aventura, que é moi atractivo. Contamos tamén co hándicap da extensión do cómic, que estás a te manexar en 56 páxinas e hai que saber estruturar ben a historia e centrarse nos momentos máis importantes ou nos que creas que poden funcionar mellor.

PABLO PRADO

—E se tivese que escoller un momento concreto desta batalla, cal sería?

—Quizais o final. Ese momento no que por orgullo ou por, incluso, despeito optamos desde o noso bando por afundir o famoso galeón, o máis lendario, que portaba o tesouro. É un movemento, tamén, estratéxico para que os angloholandeses non levasen ese galeón. Isto tamén é spoilear o final. Non quero contar demasiado.

—Bo, tamén é certo que quen coñeza a historia, coñecerá o final.

—Si e non. Sabía que se afundiron galeóns, entre eles o do tesouro, pero ese movemento, ese xeito na que se produciu o naufraxio, a verdade é que me sorprendeu. Pareceume interesante.

Pablo Pardo, debuxante: «Nunca fixera un cómic histórico tan afastado no tempo»

 

Para o debuxante Pablo Prado, que dentro dunha semana estará en Pontevedra no marco de BDra Gráfica conversando en torno aos premios O Garaxe Hermético con Anémona del Río, Miguel Rojo, Fon e Anxel Carramal, «a parte artística foi todo un reto para min porque nunca fixera un cómic histórico tan afastado no tempo. Tiña feito historias de memoria histórica ou ambientadas no franquismo, pero nada máis alá. Foi un reto interesante e, por veces, un pouco difícil, sobre todo, para documentarme».

—Onde atopou esa maior dificultade?

—Pois, por exempo, os uniformes da época, pero tamén sobre os diferentes barcos. Tiven que acudir, tanto David como mín, ao Museo Meirande de Redondela e logo pesquisando na rede ou no Museo Naval de Madrid. Os uniformes da Armada Española naquel momento non estaban unificados, algo que pasou uns anos despois desta batalla. Houbo que facer un exercicio entre ficción e basearse nos cadros da época pero intentando ter un uniforme, máis ou menos, recoñecible. Intentei inspirarme no que despois se acordou, pero que tampouco fora exactamente o mesmo para fuxir do anacronismo. Pero tamén tiven dificultade coas bandeiras, que logo se modificaron. E logo pinturas e gravados da época que serviron para inspirarnos. Foi interesante.

—Ten un estilo propio, está presente en «La batalla de Rande»?

—Creo que o meu estilo gráfico é algo que pode saír da liña xeral da colección de Cascaborra porque vaise un pouquiño máis ao cartoon e iso, ás veces, pode parecer fora de ton, pero penso que pode aportar recursos narrativos puramente gráficos. Intentei xogar cun debuxo un pouco máis caricaturesco, máis defórmante nas personaxes vinculadas ao mundo, sobre todo, dos altos mandos que decidían sobre as vidas das persoas e, en cambio, busquei unhas formas máis naturais nas xentes do pobo ou de aqueles que teñen un protagonismo máis destacado. Gustoume que a historia estea aparentemente contada por unha nai ao seu fillo. Sáese do testosterónico que adoitan ser as historias de batallas.

—Como xurdiu este proxecto?

—O proceso comezou cunha proposta de David Braña. A premisa era traballar con Cascaborra, pero pareceume que a historia tiña potencial para ser publicada nas dúas linguas, castelán e galego. Fixemos un dossier para presentarllo a Galaxia. Dende o principio tivemos o ok das dúas editoriais.

PABLO PRADO

—Cal foi o aspecto que máis lle chamou a atención de toda o proceso de creación deste cómic?

—Todo o rigor que require un traballo histórico. Eu xa supuña que sería un reto engadido ao que implica contar unha historia en banda deseñada e faime respectar, aínda máis, a todos eses autores que traballan neste xénero. O proceso de documentación pode ser apaixonante, pero tamén perigoso porque te pode comer todo o tempo. Apréndese moito.

—E da historia en si, que lle sorprendeu?

—Era unha historia que, máis ou menos, coñecemos quen vive ou, como é o meu caso, ten familia en Vigo... Queiras que non, o tema da batalla de Rande soa aínda que sexa só polo tesouro que quedara no mar ou polo que aparece en Vinte mil leguas de viaxe submarina. O que non coñecía eran os detalles das personaxes que estaban implicadas ou como iso afectou ás vilas, especialmente á de Redondela e ás súas xentes. Tal vez é un discurso máis antibelicista.

—Que outros proxectos ten neste intre?

—Estamos agora pechando un cómic con Fernando Llor sobre a vida de David Saavedra, quen escribiu fai pouco o libro Memorias dun exnazi, e estou traballando con outros guionistas, preparando dossiers para mover por editoriais, pero o meu proxecto principal e que acabo de ser pai fai sete meses.