É un privilexio que o alcalde teña un coche oficial? O PP afirma que si

Serxio Barral Álvarez
Serxio barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Pleno municipal de Pontevedra
Pleno municipal de Pontevedra Pablo Fariña

Fracasa a moción da oposición para que Lores use bus, taxi ou vehículos particulares

20 jul 2021 . Actualizado ás 10:32 h.

Pontevedra, capital de provincia, 84.000 habitantes, 80,7 millóns de euros de orzamento para este 2021. Supón un privilexio que o alcalde dispoña dun coche oficial? Está «afastado da sociedade» que o Concello vaia adquirir un novo -de tecnoloxía híbrida- por un prezo máximo de 74.000 euros, IVE incluído, tras xubilar o vehículo que vén prestando ese servizo desde 1997? Para o PP de Pontevedra, na oposición municipal, si é un privilexio.

«O alcalde dunha cidade desta entidade non necesita nin chofer nin coche oficial -indicou no pleno celebrado este luns o portavoz do PP, Rafa Domínguez-. Ten outras opcións para desprazarse, xa sexa en transporte público, en compaña doutro concelleiro ou dalgunha outra persoa, ou no seu propio coche». É dicir, como ironizou o concelleiro César Mosquera (BNG) «que faga autostop para acudir a unha reunión co presidente da Xunta en Santiago». O nacionalista defendeu a «austeridade» do Concello, escenificada no feito de que o único vehículo de uso político é de 1997 e que se substitúe porque sufriu unha avaría que fai inviable a súa reparación.

Desde o PP ínstase ao goberno local a «vender o coche oficial» -ese de 1997, un Audi A6 TDI-, e a «recolocar» noutra ocupación municipal ao chofer, un funcionario que compaxina esta actividade coa de ordenanza do Concello, que é o seu posto.

Domínguez cre que «na sociedade do século XXI» non caben «privilexios» propios dunha política «do século pasado». O do coche do alcalde é un exemplo, pero o portavoz o PP puxo máis sobre a mesa.

Como que os edís do goberno local coaligado BNG-PSOE dispoñan de prazas de estacionamento no aparcadoiro subterráneo da praza de España. Domínguez considera «unha burla a todos os pontevedreses que do seu peto se estea facilitando aparcadoiro gratuíto aos concelleiros».

É unha concesión municipal

A este respecto, Mosquera replicou que esas prazas de aparcadoiro «non lle custan nin un euro aos pontevedreses», pois se trata dunha concesión municipal e no contrato establécese unha serie de prazas a disposición do Concello. Parte delas empréganas vehículos adscritos aos servizos técnicos e outras, efectivamente, os concelleiros. No seu día ofrecéronse prazas aos grupos da oposición, pero renunciaron a elas. Domínguez instou onte ao goberno local a «vender ou alugar» esas prazas. Algo, lembroulle César Mosquera, «imposible porque non son nosas».

Pero hai máis. O PP tamén ve como un privilexio o feito de que os concelleiros da corporación dispoñan de entradas para actividades de pagamento -concertos, monólogos, teatro...- que organiza o Concello. Desde o goberno local matizouse que xa hai tempo que non hai entradas a disposición dos políticos. Aínda así, o tenente de alcalde e portavoz socialista, Tino Fernández preguntouse «se o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, terá pagado as entradas dos concertos de O Son de Camiño, desta pasada fin de semana». «É que el é o vicepresidente», respondeu Rafa Domínguez.

Así as cousas, a moción do PP foi rexeitada. Unha moción que en opinión dos concelleiros o PSOE e do BNG non debería ter chegado ao pleno. De «bochorno», «ridícula» e cualificouna Tino Fernández, que pediu ao PP que dixese «que concelleiro foi a algún concerto sen pagar». César Mosquera pola súa banda, referiuse á proposta presentada polo PP como «unha mala copia do moito mal que lle fixo a Marea á política galega».

Luz verde ao convenio para o transporte público

O pleno aprobou por unanimidade e sen debate o convenio coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para pór en marcha o novo sistema de transporte público na cidade. Basearase en dúas liñas circulares, o prezo do billete será de 0,85 euros e agárdase pór en marcha en setembro. Tamén se acordou unha declaración institucional de apoio do Concello ao proxecto de novo albergue de Cáritas , que se constrúe na rúa Joaquín Costa. Así mesmo, o pleno rexeitou unha moción do PP para «esixir ao Goberno de España a execución íntegra dos seus orzamentos para Pontevedra e o seu incremento para os próximos anos». Os concelleiros do goberno bipartito votaron en contra da proposta tras comparar o feito polo PP e polo PSOE desde Madrid.