«Doeume ver baixar ao Dépor, pero agora faime ilusión xogar contra eles»

PONTEVEDRA

ramon leiro

Romay formouse na canteira deportivista e agora é unha peza crave no once granate

22 sep 2020 . Actualizado á 05:00 h.

Romay ten o corazón a dúas cores. Defende o granate, pero non rehúye do branquiazul do club no que se formou. A piques de empezar a súa terceira tempada no Pontevedra, espera con emoción un partido que lle deixará o «corazón partío». «Doeume ver baixar ao Dépor, pero agora faime ilusión xogar contra eles, é o equipo ao que ía ver desde neno e agora xogarei contra eles», sinala Romay, que agarda con emoción ese 6 de decembro. Será a fin de semana no que o equipo de Fernando Vázquez visite Pasarón en competición oficial.

Romay chegou a debutar co primeiro equipo en Riazor, pero tamén xogou no estadio coruñés co filial e agora pensa no día que volva co Pontevedra. Ten claro que na ida e a volta só vale gañar. Diso depende achegarse á liga Pro e cumprir aos poucos ese soño persoal (e colectivo) do ascenso. Se hai algo que recoñece o coruñés é a ilusión que esperta o equipo desta tempada. «Se a hai fóra, imaxínate dentro», apunta o medio centro. Temos xente con moita experiencia, cremos que este ano se poden facer as cousas moi ben. Eu estou como un afeccionado máis, ilusionado», conclúe Romay.

Hai pouco máis dun mes que comezaron a pretemporada, pero non puido ser ata o pasado sábado cando puxeron en práctica o traballado. O primeiro test deste verán convulso foi ante o Coruxo. Un gol de Rufo demostroulles que empezan a ter músculo para unha competición que arrincará o próximo 18 de outubro a domicilio ante o Racing de Ferrol. «Non podo valorar nin para ben nin para mal este formato de liga porque é a primeira vez. O único que podo dicir é que te xogas moito en pouco tempo, non ten sentido que sexa así, pero hai que pensar que é igual para todos», apunta Romay, que asegura que a única desigualdade que hai esta tempada é que os equipos chegarán ao debut cunha pretemporada de distintas velocidades.

O covid marcou a volta á actividade en todas as disciplinas. Mentres noutras comunidades levan semanas adestrando con contacto, en Galicia esa medida aínda é recente e freou o axuste do equipo. Con oito caras novas no seu persoal, Jesús Ramos necesita canto antes que os xogadores funcionen como unha máquina ben engraxada para chegar en forma ao arranque ligueiro. «Agora agardamos empezar a xogar partidos, é duro non poder pór en práctica o que estamos a aprender», engade Romay.

Os xogadores recoñecen que o vestiario este ano é unha piña, na que hai perfís con moita experiencia. Xogadores como Xisco ou Charles, con experiencia en Primeira, achegan solvencia ao persoal. «Eles xa saben o que hai, a min demóstranme a capacidade que teñen», comenta o xogador coruñés. Este será o seu terceiro ano no Pontevedra e a desbandada dunha ducia de compañeiros faille xogar un papel predominante. É humilde. «Intentamos axudar aos que veñen para que estean o máis cómodos posibles, temos un vestiario moi bo», comenta. E iso que este ano o «facer piña» limítase case ao terreo de xogo porque fóra teñen a recomendación de que non queden en grupos numerosos ou usen o vehículo propio. «Estamos todos igual e interésanos, ao final non te queres perder 15 días porque estar fose dúas semanas é demasiado», conclúe.