Últimos días para adquirir os abonos de teatro de Afundación

La Voz

PONTEVEDRA

A tempada comeza o día 17 coa obra Curva España da compaña Chévere

06 ene 2020 . Actualizado á 13:54 h.

Afundación terá á venda ata o 12 de xaneiro os abonos para a tempada de teatro cun desconto do 20% con respecto ao prezo do billete individual. Afundación conta ademais cunha política de bonificacións e descontos para desempregados, xubilados e mozos que supón unha rebaixa adicional dun 10%.

Abrirá a tempada a nova produción da compaña Chévere, Curva España, dirixida por XRon e con patricia Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leticia T. Branco. A representación será o venres día 17 na Sede Afundación de Pontevedra ás 20.30 horas. As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquiran o bono.

Curva España trata sobre un crime aparatemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, articúlase unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo, bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción dun estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou.

Agardando a Godot será a seguinte obra en saír a escena o 9 de febreiro, ás 19.30 horas, baixo a dirección de Pazo Azorín e a interpretación de Pepe Viyuela, Antonio Garrido, Alberto Jiménez, Jesús Lavi e Fernando Albizu.

Carmen Maura e Dafnis Balduz e a obra sobre o poder sanador do amor, A andoriña, poderanse ver o 21 de febreiro ás 20.30 horas.

A versión teatral dO coronel non ten quen lle escriba, de Gabriel García Márquez, dirixida por Carlos Saura e cun elenco conformado por Imanol Arias, Cristina de Inza, Jorge Basanta, Fran Calvo e Marta Molina estará en Pontevedra o 6 de marzo.

Un marido ideal sairá a escena o 2 de abril a partir das 20.30 horas. É unha peza orixinal de Óscar Wilde, feita unha versión por Eduardo Galán e interpretada por Juanjo Artero, Candela Serrat, Ania Hernández, María Besant e Dani Muriel.

Els Joglars tamén estará en Pontevedra presentando Señor Reiseñor cun distinguido elenco de artistas.