«Eu son un rapaz de aldea, un veciño-alcalde»

Marcos Gago Otero
m. gago PONTE CALDELAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

PSOE DE PONTE CALDELAS

O rexedor conseguiu que o PSOE lograse por primeira vez o bastón de mando no 2015 e o 26M obtivo a primeira maioría absoluta

28 may 2019 . Actualizado ás 05:10 h.

Vostede conseguiu oito concelleiros e deu o primeiro triunfo electoral indiscutible ao PSOE caldelano.

-Como valora a súa maioría absoluta?

-Estou atafegado e agradecido aos meus veciños. Subimos máis dun 110 %, pasamos de 3 a 8 concelleiros e iso supón unha enorme responsabilidade, polo caudal de confianza recibido. Aínda estou alucinando. Un millón de grazas á xente.

-Cal é a clave do éxito?

-Eu son un rapaz de aldea, un veciño-alcalde. Eu non son don Andrés, son Andrés. O meu teléfono teno medio pobo e presumo de atender a todo o mundo e case a calquera hora. Para entrar no despacho non hai que pedir cita, só agardar a que remate cos que estean por diante. Nin se imaxina a cantidade de xente que me dixo que me votaría porque me involucrei en solucionar asuntos que, aínda que soe incrible porque eran obras pequenas, levaban décadas sen solución.

-Como será o seu goberno en solitario?

-O de goberno en solitario é pronto para dicilo. Eu quero contar coa experiencia de todos os concelleiros, sexan do partido que sexan. Se unha palabra presidirá este mandato que comeza é diálogo. E se é posible pólo en maiúscula, póñao.

-Cal será a súa prioridade?

-A futura estación termal de Ponte Caldelas. É a miña aposta estratéxica. Xa compramos a leira e estamos case en condicións de licitar a obra. A iso póñome sen perder un día.