O Banco de Alimentos repartiu 255 toneladas de comida o ano pasado

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

BANCO DE ALIMENTOS

A oenegué pontevedresa traballa con 35 colectivos sociais que acadan a 5.000 persoas vulnerables na comarca

04 mar 2019 . Actualizado á 12:53 h.

A Fundación Provincial de Alimentos repartiu máis de 255.000 quilos de comida o ano pasado en Pontevedra. O almacén, situado no número dous da rúa Faustino Santalices, pechou o 2018 traballando con 35 colectivos sociais da comarca que chegaron, á súa vez, a unhas cinco mil persoas vulnerables. Desde o Banco de Alimentos precisouse que esta oenegué cubriu o 35% das necesidades básicas da persoas que, por distintos motivos, non atravesan o seu mellor momento. 

Entre os alimentos distribuídos destacaron 62.000 litros de leite, 33.370 quilos de queixos e iogures, 26.000 quilos de pasta, 21.000 quilos de arroz e os 16-392 litros de aceite.

Operación Quilo, en abril

A Fundación Provincial Banco de Alimentos lembrou que o próximo mes de abril renovarase a operación quilo nas distintas superficies comerciais na comarca. Cabe lembrar que na pasada Gran Recollida Solidaria, o 30 de novembro e o 1 de decembro, recadáronse 330.000 quilos de comida en toda a provincia. «É necesario volver botar man deste tipo de accións solidarias coas que a entidade poida seguir facendo provisión de produtos básicos», apuntan. As entidades sociais da comarca sinalan que os produtos básicos máis solicitados son leite, aceite, galletas, cacao e conservas, que xa empezan a escasear nos andeis dos almacéns de Vigo e Pontevedra.