20.000 funcionarios á avaliación e outras noticias do día

La Voz REDACCIÓN

PODCAST

Escoita este pódcast de catro minutos cos temas máis relevantes que poderás ler hoxe en La Voz de Galicia

17 jul 2025 . Actualizado á 07:41 h.

O Goberno galego presentou o decreto co que se medirá o rendemento laboral de 20.000 traballadores da Administración autonómica. Neste regulamento non estarán incluídos o persoal sanitario, docente e de Xustiza. O texto enviouse aos sindicatos para o seu estudo. Expón unha avaliación de rendemento obrigatoria e anual na que se medirán os obxectivos colectivos do departamento, os individuais e as competencias de cada traballador. Só se superará o escrutinio se se obtén o 60% da puntuación total.

Leonor, unha guardamarina arroupada e condecorada

Felipe VI, a raíña Letizia e, por primeira vez, a infanta Sofía, acudiron onte a Marín para presenciar o final do periplo na Armada da princesa Leonor. A herdeira do trono despedíase así, un ano despois, dos seus compañeiros na Escola Naval e da súa viaxe no Juan Sebastián de Elcano. O acto, no día do Carmen, comezou coa formación dos alumnos da Academia, onde estaba a princesa de Asturias, á que o seu pai lle impuxo a Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco. Agora, tras un tempo de vacacións, Leonor iniciará o seu terceiro ano de instrución, neste caso na Academia do Exército do Aire, en San Javier, Murcia.

Tamén podes escoitar este pódcast en Spotify e Apple.

Rexeitamento de agricultores e pescadores ao recorte de fondos nos presupostos da UE

A Comisión Europea presentou a súa nova proposta de presuposto para o período 2028-2034, e parece que non contentou a case ninguén. As contas aumentan a súa cifra global, pois case chegan aos 2 billóns de euros, pero recortan fondos de numerosos sectores. Por exemplo, a Política Agrícola Común perde uns 78.000 millóns de euros, mentres que o gasto en defensa multiplicarase por cinco e as políticas exteriores, que inclúen a ampliación da UE, aumentan un 75%. Tamén perden peso sectores como a pesca, que verá recortada a súa asignación un 66%, segundo a patronal europea agrupada na organización Europêche. O Goberno alemán xa mostrou o seu rexeitamento: «Un aumento global do presuposto da UE é inaceptable nun momento no que todos os Estados membro están a facer esforzos considerables para consolidar os seus presupostos nacionais», dixo Berlín. 

A bolsa de vivendas á venda cae un 30 % nas capitais de provincia galegas

É unha situación que é común en todo o territorio español. O número de vivendas á venda está a reducirse rapidamente. A media é do 20%, coa provincia de Biscaia no máis alto da táboa (un 35% menos) e as de Cáceres e Santa Cruz de Tenerife ao final do ránking (un 7% menos). En Galicia, as cifras son peores que no conxunto de España. Nas catro capitais de provincia, a caída foi do 30 %, coa Coruña á cabeza. As causas son variadas. Hai, como no caso de Segovia, razóns de prezo. A cidade é a predilecta para os que traballan en Madrid e buscan pagar menos, pois está relativamente preto e ben comunicada. Aquí, no que vai de ano, as vivendas dispoñibles caeron un 45%.

O ADN de tres pais, a técnica que liberou de enfermidades a oito bebés

Grazas á tecnoloxía de doazón mitocondrial, coñecida popularmente como a técnica dos tres pais, puideron nacer oito bebés libres de enfermidades do ADN mitocondrial, a maioría incurables. O Reino Unido legalizou a técnica no 2015. Foi o primeiro país en facelo, e agora os seus investigadores lograron este fito, aínda que abriron un fondo debate científico e ético. Estas enfermidades, que son trastornos xenéticos graves, afectan a 1 de cada 5.000 bebés. O procedemento consiste en extraer o ADN nuclear dun óvulo fecundado da nai portadora e transferilo a un óvulo doado dunha terceira muller sa. O embrión herda o ADN dos pais e as mitocondrias en bo estado da persoa doante.