«Para emprender, a diferenza entre dúas boas ideas é a actitude e un chisco de sorte»
VILAMARÍN

A Escola Profesional Santo Cristo de Ourense reuniu a varios empresarios para que contasen ao alumnado as súas experiencias
22 feb 2025 . Actualizado á 20:18 h.Os estudantes da Escola Profesional Santo Cristo de Ourense recibiron consellos para lanzar os seus negocios de primeira man de varios empresarios da provincia. O centro educativo celebrou a sétima Semana do Emprendemento cun acto no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ademais de representantes públicos, participaron dous negocios ourensáns: Madeiras Rubén e Gómez e Crespo. Dúas compañas punteiras no seu sector. Detrás dos seus xerentes hai dúas historias de descubrimento algo tardío, de tomar riscos e de moita actitude.
«Ilusión, actitude e tamén obsesión». Así é como Pablo Prada, o xerente de Madeiras Rubén, resume o emprendemento. A empresa dedícase a realizar innovadoras e creativas estruturas de madeira. Empezou en 1995 como un serradoiro e rapidamente empezou a crecer en persoal e incluso recibir galardóns polos seus produtos. Afrontou a crise do 2008 reinventándose e a día de hoxe posiciónase grazas a aproveitar os avances tecnolóxicos, tal e como resumiu Prada.
El chegou á compaña situada en Vilamarín tras numerosas experiencias que non lle brindaban unha estabilidade laboral. Contou aos estudantes que primeiro estudou Economía en Santiago e despois Maxisterio en Ourense. Non satisfeito do todo nin cunha nin con outra, seguiu a idea dun amigo que se ía a traballar a Inglaterra.
Alí empregouse limpando baños. «Os meus pais só querían unha persoa honrada e traballadora», lembrou. Na súa etapa no país inglés incluso lle alegrou que o felicitasen polo seu traballo: «Dixéronme que ninguén limpaba os baños como eu, foi toda unha gabanza!». Nesa emigración, Pablo Prada non deixaba de pensar en regresar á súa cidade natal coa súa parella e a súa familia. Aí é onde entra outro dos elementos que considera fundamentais para emprender: «A diferenza entre dúas boas ideas é a actitude e tamén un chisco de sorte».
Nunha voda no ano 2001, Rubén, de Madeiras Rubén, propúxolle traballar con el como comercial. O xerente aceptou como quen empeza en calquera outro posto e aí é onde entra a diferenza de saber ver as oportunidades e aproveitalas. «As ideas só non fan nada, hai que ter moita actitude», defendeu. Implicouse na firma, en innovar e en mellorala. «Cando estudei Economía fíxeno porque quería gañar diñeiro, pero non se busca, se amasa e vai aparecendo», argumentou. El conseguiuno, sendo partícipe de transformar o que comezou sendo un serradoiro nunha empresa punteira.

A seguinte intervención foi a de Abel Pascual, o xerente de Gómez e Crespo, unha empresa con base en Quintela que comercializa gaiolas e material gandeiro. El mesmo confesou: «Son un emprendedor frustrado». O zamorano foi contratado pola firma ourensá para asumir a xestión cando xa tiña varias décadas de funcionamento ás costas. «Os emprendedores non son só os grandes gurús, o 90% somos persoas que unhas veces facémolo para nós mesmos e outras veces para outras corporacións», argumentou.
Quixo explicar as diferenzas en cada década dunha persoa. Empezou coa vintena, onde pronto entrarán ou xa están os alumnos de Santo Cristo. É o momento de «permitirse fallar» e experimentar. No seu caso, empezou a traballar nunha pequena empresa de Madrid ata dar o salto a Barcelona. Alí descubriu a figura dos mentores e grazas á súa axuda deuse conta de que lle enche a xestión de empresas e das persoas que as conforman. Estudou un MBA para especializarse e, tras uns «meses sabáticos» nunha escola de negocios en Taiwan, empezou a traballar nunha multinacional en Barcelona.
Que o seu camiño chegase ata Ourense, de onde é a súa parella, implicou arriscarse. «Decidimos tomar o risco de deixar unha multinacional para empezar como xerente nunha pequena empresa», lembra. Despois, esa experiencia levou ata Gómez e Crespo cando a firma familiar con décadas de historia despedía aos seus fundadores porque se retiraban. Asumiu a responsabilidade de achegar valor engadido a unha compaña xa posicionada, un rol que asume na década dos seus 40 anos onde xa ten bagaxe. «A medida que vas crecendo, aínda que os novos teñan máis empurre que ti, tes a sabedoría e a experiencia», explicou aos mozos. En resumo, Pascual defendeu que para ser un emprendedor ou asumir a xestión dun emprendemento alleo hai que aproveitar as cualidades de cada etapa profesional e así transformar o negocio.