
A escola de gaitas de Cea reactivou a súa actividade dende o ano pasado e este domingo os rapaces actuarán acompañados dalgúns exmembros
05 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Banda de Gaitas de Cea parou en seco a súa actividade no ano 2008: deixou de actuar, deixou de ensinar e deixou de practicar. Jacobo Nóvoa é o presidente da asociación cultural da banda e viviu a súa historia dende os inicios: entrou en 1987 á escola de gaitas do colexio de San Cristovo de Cea, lugar que foi o xerme para a formación do grupo ó ano seguinte.
En torno ó 2023, Jacobo e varios excompoñentes pensaron retomar a actividade da banda coa reactivación da escola de gaitas para nenos no cole, a modo de actividade extraescolar. Despois dunha larga etapa para captar o seu interese, finalmente apuntáronse 22 rapaces en total, de entre cinco e trece anos, que asisten a clases de gaita e percusión unha vez por semana. Aínda que non son «gaiteiros puros e duros», como sinala Nóvoa, os rapaces xa teñen a experiencia suficiente como para tocar diante dun público. Este domingo celebrarán a súa segunda actuación na Festa do Pan de Cea, na que estarán acompañados por algúns exmembros da primeira etapa de banda, nunha unión que combina un legado de moitos anos cunha nova xeración de pequenos —polo momento— músicos.
A Banda de Gaitas creouse no ano 1988, formada por un conxunto de mozos que, pouco a pouco, se converteron en referentes da música tradicional galega e colaboraron en múltiples ocasións co célebre gaiteiro Carlos Núñez. Así, o que comezou como un capricho dos pais, agora regresa ós escenarios despois de ter deixado un legado musical na historia de Galicia. Un legado que herdarán as novas xeracións de músicos en Cea.
Para Nóvoa, as orixes da banda estanse a repetir na actualidade: «Cando empezaron, os nenos de agora fixérono coma nós, porque os seus pais querían velos tocar. Probablemente eles mesmos eran descoñecedores do que ían facer e do que se ían atopar, pero agora están moi emocionados».
O presidente da asociación engade que a súa iniciativa coa escola é darlle un peso moito máis grande á música tradicional galega dende un enfoque de «maior calidade» e recuperar os valores da banda orixinal. O grupo sempre quixo que a música ocupase un bo lugar en Galicia.
Nóvoa opina que a súa longa traxectoria axudou a consolidalo: «A Banda de Gaitas de Cea non só deixou pegada en Cea. A xente recoñece con moito cariño todo o que fixemos. E, agora, o futuro do noso é para os rapaces».