Mudáronse a Ramirás para crear a súa propia escola de permacultura e descubrir a natureza aos máis pequenos

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

RAMIRÁS

David y Cristina, en la entrada de su espacio en Ramirás
David e Cristina, na entrada do seu espazo en Ramirás Santi M. Amil

Cristina Rúa e David Suárez son a parella a cargo do proxecto de educación ambiental Xesta Brava

18 ene 2024 . Actualizado á 18:23 h.

O de Cristina Rúa (Ourense, 1991) e David Suárez (Vigo, 1989) é unha historia marcada polo destino. Coñecéronse cando estudaban na universidade, en Santiago. Ela facía Filoloxía, el Pedagoxía. «Coñecémonos porque tiñamos amigos en común, pero entre nós non pasou nada», explica Cris. Ao rematar a carreira David marchou a Tenerife a «atoparse», tal e como el mesmo describe. «Non sabía que facer coa miña vida. Apareceu a oportunidade de ir a Canarias a coidar dunha finca de mangos e aguacates e aceptei. A partir de aí empecei a formarme en permacultura e agricultura ecolóxica que foi o que me motivou», explica. Quedou cinco anos, nos que non tivo ningún contacto con Cris, ata que no 2017 a morriña chamoulle e regresou a casa. «Viñen para o pobo do meu avó, Vilanova de Penosiños, en Ramirás, que de feito é realmente de onde me sinto», conta. «Naquel entonces eu tiña unha empresa de ocio educativo e a miña compañeira de traballo era da mesma aldea. A nai dela viu a David botando o lixo e aí nos reatopamos», resume ela. David e Cris xa non se separaron máis e, de feito, quedaron en Ramirás, onde conseguiron poñer en marcha o seu propio proxecto de educación ambiental, Xesta Brava. O que fan é recuperar e cultivar de xeito ecolóxico distintas terras na que hoxe é a súa casa, na Cubeliña, unha aldea próxima a Penosiños. E logo nelas imparten formacións sobre natureza e medio ambiente a grupos de nenos.

«Ao principio foi difícil porque a xente non confiaba na nosa forma de sementar. Dicíannos que sen sulfatos ou con bancais elevados non ía medrar nada. Logo sorprendéronse», lembra David. Aínda que empezaron a traballar no proxecto no 2018, crearon a súa cooperativa no 2022. Xestionan preto de dúas hectáreas. Montaron unha horta pedagóxica e un bosque comestible. «Con eles mostramos aos cativos como funciona o noso ecosistema. Ven as distintas capas nas que se divide a natureza (árbores, arbustos, herbáceas...) e comprenden que cada unha ten unha función, que están integradas», explica Cris. «A través da horta pódense aprender moitas outras cousas como matemáticas, deseño, ciencia, linguaxe... e iso transmitímosllo aos nenos, ademais da importancia da biodiversidade», engade. Levan a cabo actividades extraescolares e talleres en distintos colexios como parte do seu proxecto de ecoescuela itinerante. «Queremos reconectar a toda a rapazada coa natureza e non só se trata de ensinarlles como funciona, senón tamén de que aprendan a desfrutar dela. Facemos saídas ao monte e construímos cabanas, falamos da importancia das aves e dos insectos e montamos hoteis de polinizadores. Tamén ensinamos a facer caixas niño, papel reciclado... depende do obradoiro escollido», conta David. «Notamos que na natureza os cativos cooperan e non compiten. Non fan distincións entre nenos e nenas ou entre maiores e pequenos. É marabilloso», engade Cris.

Entre os seus proxectos a futuro está a creación dunha aula da natureza, grazas á reforma dunha antiga palleira na súa casa da Cubeliña. «Aí organizaremos actividades en grupo, para pequenos e adultos, e tamén campamentos infantís, máis salvaxes do habitual, nos que os nenos estarán en contacto coa natureza todo o día, verán como se alimentan os animais, cal é a vida que hai na terra e cousas polo estilo», conclúe David.