O motorista de 69 anos que morreu en Petín regresara ao seu pobo natal despois de toda unha vida traballando en Suíza

La Voz OURENSE

PETÍN

Accidente mortal en Petín.
Accidente mortal en Petín. gc

O home saíuse da vía e chocou contra o muro dunha casa. Levaba posto o casco pero non llo colocou ben e perdeuno no impacto

27 dic 2023 . Actualizado ás 19:46 h.

Semana negra nas estradas ourensás, coa terceira vítima mortal por accidente de tráfico en só cinco días. Nesta ocasión, foi un motociclista de 69 anos o que perdeu a vida cando circulaba pola travesía da OU-134, que comunica A Portela con Portomourisco, no concello ourensán de Petín .

O motorista ía só a bordo dunha Honda de 125 CC cando se saíu da vía pola marxe esquerda, por causas que se investigan, e chocou contra o muro dunha vivenda. O sinistro tivo lugar no punto quilométrico 3,800 do devandito viario, na Portela, ás 14.55 horas.

O falecido residía en  Portomourisco(Petín), a súa localidade natal, á que regresara tras xubilarse despois de toda unha vida de traballo en Suíza. José Manuel Fariñas, alcumado Fotos, como o seu pai, que se dedicaba a facer fotografías percorrendo os pobos en moto, era moi coñecido en Petín e na Rúa. O accidente ocorreu preto do seu domicilio, na baixada da Portela a Portodemouros.

Foi un veciño quen se atopou o corpo do condutor falecido. Estaba ao lado da moto e sen casco, segundo informou a Garda Civil. A Unidade de Investigación de Sinistros Viarios, do Subsector de Tráfico do instituto armado en Ourense, está a investigar xa as causas posibles de accidente, que deixa a vítima mortal número 23 en estradas interurbanas da provincia no que vai de ano. Segundo precisaron posteriormente, o malogrado motorista si levaba posto o casco mentres circulaba, pero non llo colocou ben e se lle desabrochó e desprendeu cando se produciu o impacto contra o peche da casa. 

Só nos últimos días han falecido tres persoas en vías de Ourense. O sábado 23 morría un home de 91 anos, que ía como pasaxeiro do vehículo contra o que impactou outro. Sucedeu en Coles, na N-525. Este martes, día 26, perdía a vida un condutor de Zamora. Circulaba en sentido contrario pola autovía. No que vai de mes de decembro, houbo dous accidentes mortais máis, un en Xinzo e outro en Cortegada.