Galiciencia presenta en Ourense os 79 mellores proxectos científicos e tecnolóxicos elaborados por escolares galegos

La Voz OURENSE

OURENSE CIUDAD

Imagen de archivo de una edición anterior de Galiciencia
Imaxe de arquivo dunha edición anterior de Galiciencia cedida

Máis de 5.400 estudantes participaron na edición número 19 da cita que organiza a Tecnópole

08 may 2024 . Actualizado á 18:16 h.

Galiciencia, a maior feira científica de Galicia abre este mércores as súas portas na Tecnópole do parque empresarial de San Cibrao das Viñas. Máis de trescentos estudantes de primaria, ESO, Educación Especial, FP e bacharelato de 32 centros participan este ano de forma activa no encontro que segue mantendo unha opción en liña ademais da física. Pontevedra, con 12 colexios implicados, é a provincia con máis representación, seguida de Ourense e A Coruña (7 cada unha) e Lugo (5). Este ano participa tamén un centro de Barcelona. En total, para esta edición (a número 19) presentáronse un total de 106 proxectos dos que 79 foron seleccionados para a final. En conxunto, a convocatoria deste ano implicou a máis de 5.400 participantes nas súas distintas propostas e actividades.

A previsión da organización é que durante os tres días que vai durar a feira pasen como visitantes 2.150 persoas, tanto docentes como alumnos, procedentes de toda Galicia. Eles poderán ver coñecer en vivo os 79 proxectos seleccionados como finalistas este ano, dos que medio centenar corresponden a alumnos de secundaria, FP e bacharelato e outros 29 foron elaborados por estudantes de primaria.Quen consiga o primeiro premio, recibirá mil euros para financiar a súa participación en Exporecerca, a feira científica estatal que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado terá 500 euros para asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que se celebra en Bilbao, e o terceiro premio recibirá 200 euros para a compra de material científico ou tecnolóxico para o seu centro educativo. Non serán os únicos galardóns que se repartan. Hai premios á mellor comunicación e presentación oral, ao proxecto máis innovador, ao método científico e ao proceso de investigación mellor definido, entre outros.

Esta feira que organiza o Parque Tecnolóxico de Galicia co apoio da Consellería de Economía e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía  do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten este ano á madeira como protagonista. O obxectivo era dar a coñecer un material importante para o planeta xa que é sostible, renovable, biodegradable e ten unha ampla variedade de aplicacións. O xoves desenvolverase de feito, a fase final de desafío «Máis Madeira» lanzado pola Tecnópole con motivo desta edición da feira e no que durante os últimos meses participou alumnado desde 4º de primaria a bacharelato.