Elena Vázquez Cendón: «Os matemáticos resolvemos problemas e para iso hai que escoitar»

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

Elena Vázquez Cendón, nun recanto da Alameda de Ourense.
Elena Vázquez Cendón, nun recanto dá Alameda de Ourense. ALEJANDRO CAMBA

A investigadora ourensá, decana da Facultade de Matemáticas da USC, dá moito valor aos mestres para espertaren vocacións

29 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao volver a pisar a Alameda de Ourense, a profesora Elena Vázquez Cendón, decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago (USC), lembra con nitidez os recordos da súa infancia. Vivía na rúa doutor Fleming, onde o pai, Manuel Vázquez Varela, tiña unha xastrería, e estudaba no Colexio Sueiro. Alí realizou os primeiros cálculos e asumiu as primeiras responsabilidades. Mentres subía as escadas para a ir a xogar á alameda, botaba contas do tempo que tiña para gozar e o que debía dedicar aos estudos. No colexio resolveu as primeiras ecuacións e descubriu que as Matemáticas se lle daban e a facían sentir ben. «Dábanme seguridade, entendía o que facía e era entretido», resume. O 45 % dos cuestionados na súa facultade contesta que foi no ensino primario cando descubriron que lles gustaba esa disciplina.

Agora as matemáticas están máis presentes nos medios de comunicación e xa se sabe que non é unha área só vinculada a docencia. «O 60 % das persoas que teñen estudos de Matemáticas non se dedican á educación, senón que están nun abano moi grande de emprego. Para a nosa facultade é estrutural que haxa moi bos profesores porque a maioría das vocacións nacen da man ou do xiz de mestras e mestres. É moi importante que a xente que ensina nas idades temperás transmita a valía das Matemáticas e paixón».

Elena Vázquez é presidenta do proxecto Estalmat Galicia, un programa para o Estímulo do Talento en Matemáticas que elixe cada ano a alumnos e alumnas de 12 e 13 anos, convidados á facultade para coñecer o amplo abano de coñecementos que ofrece esta disciplina. Dos participantes nese proxecto, un 22% quedará en Matemáticas e os demais estudarán enxeñerías ou carreiras artísticas ou sociais. «Esa forma de facer as cousas coa métrica das matemáticas fai que a xente resolva problemas en ámbitos moi variados», conclúe Elena Vázquez. No seu caso, iso é o que lle gusta da área na que es especializou, a matemática industrial: «Resolver problemas doutros contextos, ou dar unha aproximación e ir comprobando que o que calculas se parece bastante ao que acontece».

Vázquez Cendón fixo importantes investigacións na mecánica de fluídos computacional. O xerme foron os primeiros traballos no instituto das Lagoas. Unha gráfica de temperatura e caudal na presa de Velle para a asignatura de Xeografía e Historia. Tempo despois, o seu primeiro proxecto europeo foi facer simulacións preventivas das zonas que se anegarían no caso de romper unha presa. «Aí te acordas de cando facías as contas a man e te ves deseñando métodos numéricos para resolver como se movería a auga e contrastar os datos que facilitaban os laboratorios de hidráulica», menciona. Porén, os cálculos preventivos non lle evitaron sentimentos de mágoa ao ver as zonas das piscinas ou as termas de Ourense anegadas cando crecía o río Miño.

O espazo termal é outro dos senlleiros para Elena Vázquez, que lembra que seu pai, Manuel, ía todos os días as augas quentes. «É un espazo de saúde e socialización que esta cidade ten que revivir. A auga é o ouro de Ourense», reclama. Ourense sábelle a «descaso e amizade».

O traballo, no ámbito universitario, deulle o «agasallo» de combinar docencia e investigación. Leva 34 cursos dando clase na universidade. Agora é tamén coordinadora do mestrado interuniversitario de Matemática Industrial. «A capacidade que nos distingue como matemáticos é a de resolver problemas e para resolvelos hai que escoitar a quen che propón o problema.

A matemática industrial élle moi estimulante, pois resolven problemas en contextos variados. Hai que saber escoitar e pasar os problemas a ecuacións ou facer algoritmos que se aproximen», afonda. Aínda que hoxe os ordenadores permiten manexar un volume de datos e cálculos moito maior, «cando se facían as contas a man xurdiron métodos robustos que están detrás de moitos algoritmos». Usáronse para coñecer como se comportaba a pandemia do covid. Cre que as matemáticas serán importantísimas para axudar a facer unha «medicina a medida».

O seu recanto

Quen é. Elena Vázquez Cendón. Naceu en Ourense en 1966.

Profesión. Docente, investigadora e decana da facultade de Matemáticas da USC. Recibiu o Premio María Josefa Wonenburger no 2022.

O seu recanto. A Alameda era o seu espazo de lecer de nena, preto da casa, do colexio e da xastrería do pai. «Lembraba todo máis grande». Espera que miren «con cariño» para esta zona, hoxe algo desleixada.

«Alfonso Amorín é dos matemáticos que máis admiro»

Elena Vázquez reside en Compostela mais sempre reivindica o ser de Ourense e ten moi presente aos ourensáns do seu eido: dende a gañadora da olimpíada matemática, a estudante Raquel Freire, ata o premiado co Vicent Caselles, Óscar Rivero. Na conversa, sobresae o nome de Alfonso Amorín. É un dos seus referentes, xunto co señor Arias, profesor de Física no instituto. O xefe da empresa Edisa foi o seu mestre de Matemáticas nas Lagoas. «Creo que é o matemático máis emprendedor que coñezo. É un exemplo de persoas que resolveron problemas para a contorna. É dos matemáticos que máis admiro, como profesor era brillante comunicando. Deixoume unha pegada. É moi importante a valía do profesorado para decidir o que vas facer. No instituto víamos matemáticas con demostracións; agora vense outras cousas diferentes. Eu aínda emprego algunhas daquelas integrais para os meus estudantes de Enxeñería Informática», revela. A carreira na USC é atractiva, a facultade ten moitos alumnos, hai menos abandonos e os estudantes gozan cos estudos e sacan adiante iniciativas como a revista Máis Mates, posta en marcha por un alumno de Celanova.