O Barco acolle un curso de socorrismo acuático da Academia Galega de Seguridade Pública

La Voz OURENSE / LA VOZ

O Barco de Valdeorras

Prácticas de socorrismo
Prácticas de socorrismo BASILIO BELLO

É a única formación oficial que se impartirá este ano en Galicia para os que queiran exercer profesionalmente o rescate e os primeiros auxilios en praias e piscinas

24 mares 2024 . Actualizado ás 17:58 h.

Cada ano os concellos galegos pasan verdadeiras penurias para conseguir socorristas para exercer nas súas piscinas e praias, sexan as do bordo do mar ou en canles fluviais. De feito é cada vez máis habitual o peche de recintos ou espazos destinados ao baño nos que hai que colocar a advertencia de que non hai profesionais que poidan axudarlles en caso de xurdir algunha urxencia. Pero o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar o 22 de marzo unha convocatoria que podería axudar a paliar esa falta de especialistas en rescate acuático e primeiros auxilios nese medio.

Trátase do curso oficial da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) en formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia. O título é necesario para as persoas interesadas en exercer profesionalmente como socorristas. Os interesados en formarse e obter ese certificado de capacitación teñen dez días naturais, a contar desde o 23 de marzo, para formalizar a inscrición. O formulario de matrícula telemática está dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e non se admite ningunha outra forma ou modelo de solicitude. Será o único curso oficial de socorrismo acuático da Agasp este ano e impartirase no Barco de Valdeorras. O Concello barquense fixo a petición á Dirección Xeral de Administración Local co obxectivo de paliar a carencia destes profesionais na comarca. As clases deste curso de socorrismo acuático, que oferta 27 prazas, desenvolveranse de venres pola tarde a domingo entre o 12 de abril e o 1 de xuño. A súa sede será a piscina climatizada de OBarco onde se desenvolverán tanto as clases teóricas como as prácticas e tamén a proba de natación previa para os seleccionados o 9 de abril.