Un xulgado paraliza a moción de censura de Manzaneda por posibles causas de nulidade

La Voz O BARCO

MANZANEDA

Amable Fernández, alcalde del PSOE en Manzaneda.
Amable Fernández, alcalde do PSOE en Manzaneda. LOLITA VÁZQUEZ

O rexedor denunciou que só acudiron presencialmente dous dos catro concelleiros que a asinan

28 oct 2025 . Actualizado á 19:40 h.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense aceptou a medida cautelar urxente presentada polo alcalde socialista de Manzaneda, Amable Fernández, e suspendeu a tramitación da moción de censura prevista para mañá mércores, ao apreciar posibles causas de nulidade no procedemento.

O rexedor socialista solicitou medidas cautelar tras detectar varias irregularidades na presentación da moción, rexistrada o pasado 15 de outubro. Os dous concelleiros do PP sumaron as súas firmas ás de dous tránsfugas socialistas que pediron o paso ao grupo de non adscritos o pasado verán para impulsar un cambio na alcaldía. Pero non o fixeron en persoa, senón que o papel xa ía asinado cando o entregaron en dependencias municipais. «Dous dos catro asinantes non compareceron de forma presencial, nin se autenticou a súa firma ante o secretario ou o notario, tal e como recolle a lei», esgrime Fernández. Segundo expón o alcalde, o propio secretario municipal recoñeceu que só dous dos concelleiros asinantes compareceron en persoa, o que, a xuízo do rexedor, vulnera a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral, que esixe a comprobación de todas as firmas. 

Ademais, o alcalde cuestiona a forma en que se notificou o pleno de debate. Considera que é defectuosa e limita o acceso á información porque só se notificou a convocatoria da sesión para debater a moción, pero sen incluír o texto íntegro que avalaba presentala.

O auto xudicial concede un prazo de tres días ao Concello para que formulen as alegacións que considere oportunas. En caso de non facelo, manterase a suspensión acordada sen necesidade de ditar nova resolución, asegura o documento. Fernández pedía que se suspendese o pleno de mañá ata que a xuíza non entre ao fondo da cuestión, por supor unha «perturbación grave dos intereses xerais». Referíase o feito de que mañá podería haber un cambio de alcalde que despois o xulgado tombase, co que iso suporía para a xestión diaria do Concello.

Desde a executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebran a decisión xudicial e destacan as irregularidades no documento presentado coa firma dos dous concelleiros do PP e dous tránsfugas do PSOE. Confían desde as filas socialistas que o PP se retracte na idea ou que os dous concelleiros que abandonaron o grupo de goberno dimitan e permitan que corra a lista pola que se presentaron no 2023.

Reacción do PP

Desde a dirección provincial de partido conservador explican que a medida cautelar baséase nun defecto de forma. En todo caso, din, iso non cambia a situación de inestabilidade política que aseguran que se vive en Manzaneda cun goberno en minoría. Avanzan que en canto se solucione ese defecto seguirá adiante coa moción de censura. Quen fóra cabeza de lista no 2023, Pedro Yáñez, non cejará no seu empeño de facerse co bastón de mando.