A estrada a utilizar os veciños de varios pobos ao ser a principal vía de comunicación entre eles e a súa conexión coa provincial que enlaza Manzaneda con Trives
15 sep 2025 . Actualizado á 06:08 h.A Xunta licitou as obras de acondicionamento do vial que comunica co núcleo rural de Soutelo, na parroquia de San Martiño do municipio ourensán de Manzaneda, por un importe de 157.679 euros. A actuación enmárcase no Plan Hurbe, mediante o cal a Administración autonómica colabora coas entidades locais na mellora de contornas urbanas, accesibilidade e equipamentos públicos.
O proxecto permitirá acondicionar o camiño municipal que une os núcleos de Manzaneda e Soutelo, que presenta deficiencias na capa de rodaxe, drenaxe e sinalización horizontal. Tamén se revisarán as redes pluviais e habilitaranse pequenas zonas verdes.
O tramo, coñecido como subida a Soutelo, ten unha lonxitude de 560 metros e é utilizado habitualmente por veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales, ao ser a principal vía de comunicación entre estas localidades e a súa conexión coa estrada provincial que enlaza Manzaneda coa Pobra de Trives. Así mesmo, a vía é empregada por turistas que visitan a contorna, de alto valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.
As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 2 de outubro. Segundo o convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Manzaneda, o Goberno autonómico asumirá o 70% do custo, ademais de contratar e executar os traballos, mentres que o Concello achegará o 30 % restante. O prazo de execución estimado é de catro meses.