
Os veciños conseguiron controlar o lume, que só provocou danos materiais na cociña
28 mar 2025 . Actualizado á 16:56 h.Á primeira hora da mañá deste venres, os servizos de emerxencia foron mobilizados polo avisdo dun incendio nunha vivenda unifamiliar na localidade de Orega, no municipio ourensán de Leirou. A alerta dábase ao redor das cinco da mañá. Ata o lugar desprazáronse tres efectivos do parque de bombeiros do Carballiño con dous camións autobomba, un membro do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Avión e unha patrulla da Garda Civil.
Á súa chegada, os bombeiros comprobaron que o incendio xa fora extinguido polo inquilino da vivenda coa axuda doutro veciño. Segundo as primeiras investigacións, o lume orixinaríase nun frigorífico e propagouse aos aveños próximos, aínda que non chegou a afectar á totalidade da cociña nin ao resto da vivenda. O incidente saldouse sen feridos, aínda que o fume si causou algúns danos estéticos no interior do inmoble.