00031716476739444334907

Escolares dos colexios Curros Enríquez da Coruña e Celanova gozaron dunha xornada de convivencia na vila natal do poeta

La Voz OURENSE

CELANOVA

Los visitantes fueron recibidos a la entrada del CEIP de Celanova
Os visitantes foron recibidos á entrada do CEIP de Celanova cedida

Alumnos de 5º e 6º de primaria compartiron visitas e puideron coñecer mellor a figura do ilustre celanovés grazas á súa fundación

24 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa hai doce anos que a Fundación Curros Enríquez, que xestiona a Casa dous Poetas de Celanova , decidiu organizar xornadas de convivencia entre escolares que comparte o nome do insigne poeta ourensán co dobre obxectivo de establecer nexos de unión entre eles pero tamén de que coñezan máis sobre a vida e obra do escritor. Este ano os invitados foron os estudantes de 5º e 6º do CEIP Curros Enríquez da Coruña que compartiron as actividades programadas para o día cos seus compañeiros do centro homónimo celanovés.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Celanova, arrincou ao mediodía coa recepción do alumnado visitante que puido coñecer o centro educativo local onde recibiron a benvida oficial do alcalde e presidente da fundación, Antonio Puga, e que continuou cunha merenda compartida na carballeira que hai tras o colexio. Logo fóronse de visita a coñecer o burgo medieval de  Vilanovados Infantes. Os alumnos coruñeses gozaron dunha vista guiada á torre da homenaxe e a cova de San Vivián, onde se sitúa o centro etnográfico dos zapateiros. Pola tarde os visitantes tamén estiveron na casa familiar do poeta e gozaron dun concerto didáctico de órgano no Mosteiro de San Salvador guiado por María Xosé Mosquera. As visitas á capela de San Miguel, a biblioteca do IES Celanova e o xacemento arqueolóxico de Castromao completaron o programa de actividades. A Fundación Curros Enríquez aproveitou para anunciar que o próximo ano os centros invitados á xornada serán o da cidade de Ourense e o centro público integrado de Pazos de Borbén.