0003_202405O19C2991

Galicia miraba a Celanova para honrar a Celso Emilio Ferreiro

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Nos últimos anos da súa vida Celso Emilio Ferreiro desenvolveu unha gran actividade política.
Nos últimos anos dá súa vida Celso Emilio Ferreiro desenvolveu unha gran actividade política. XERAIS

O poeta era o protagonista das Letras Galegas de hai 35 anos

19 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Celanova e Celso Emilio Ferreiro foron os protagonistas absolutos das Letras Galegas de hai trinta e cinco anos. Naquel 17 de maio de 1989 o escritor homenaxeado era o autor daquela Longa noite de pedra dos tres días que pasou preso no mosteiro de San Rosendo e os actos centrais da xornada desenvolvéronse no seu pobo. Un lugar que, como lembraron algúns dos oradores da xornada, sempre foi principio e fin de quen titulou unha das súas obras Onde o mundo se chama Celanova

O presidente da Real Academia Galega, Domingo García Sabell; o da Xunta, Fernando González Laxe; e a viúva do escritor, Moraima Loredo Fernández, centraban as intervencións da xornada, onde tamén reivindicaba ao lembrado o alcalde, Manuel Gómez Rojo.

LVG

Acceda aquí á páxina publicada en 1989.

A primeira cita da xornada desenvolvíase no cemiterio de San Verísimo. Alí, amais da lousa que lembra ao escritor e na que se pode ler o seu simbólico texto —«Máis o lume que alampea, xamais o veredes morto»—, facíase a ofrenda floral ao protagonista das Letras Galegas.

 Escultura de Acisclo Manzano

Dende alí a comitiva achegouse á mostra sobre CEF que estaba instalada no mosteiro. De seguido desenvolveuse a actividade máis emotiva da xornada, cando o presidente da Xunta, Fernando González Laxe, e a viúva do poeta, Moraima Loredo Fernández, fixeron a descuberta da escultura de Acisclo Manzano: o busto de Celso Emilio Ferreiro que está ao pé do instituto de Celanova. Na súa intervención o titular do Goberno galego salientaba o valor dun escritor «que expresou de forma nidia e rotunda todo o que significa un país, unha gran nación coma Galicia, acosada nuns tempos determinados por aqueles que tentaban esmaga-la nosa lingua», sinalaba. Laxe tamén aproveitaba para rexeitar polémicas vencelladas á xornada, lembrando aos que fixeron posible a creación e consolidación dunha cita como as Letras Galegas e tamén «a todos aqueles que prohibiron o galego na nosa propia terra, como foron ex-ministros que veñen agora disfrazados de camaleóns».

Moraima agradeceu ao escultor Acisclo Manzano o seu talento e xenerosidade á hora de inmortalizar a Celso Emilio Ferreiro e amosouse convencida de que o escritor estaría safisteito e complacido da xornada que se estaba a vivir no pobo.

A sesión extraordinaria da Real Academia Galega estivo protagonizada polo seu presidente, Domingo García Sabell, e polas intervencións de Antón Fraguas, Xosé Filgueira Valverde e Carlos Casares —que leu un texto de Constantino García, que non puido asistir á xuntanza—. Filgueira contou varias anécdotas da súa relación con Ferreiro e lembraba que a última vez que estiveran xuntos fora nunha conferencia do propio Filgueira, en Poio, sobre o celanovés Luis Soto. García Sabell sinalou que «a poesía de Longa noite de pedra xa se ten convertido nun clásico porque resiste o paso do tempo».

Na cidade tamén se desenvolvían actos vencellados coa figura honrada nas Letras Galegas. O 17 de Maio de 1989 Antón Risco, escritor e catedrático de Literatura na Universidade de Quebec, pronunciaba na Aula de Cultura de Caixa Galicia unha conferencia sobre a emigración en Celso Emilio Ferreiro e analizaba a experiencia do poeta recollida en Viaxe ao país dos ananos. O Concello procedía a entregar nesa xornada o Premio Cidade de Ourense de poesía a Xosé Vázquez Pintor e á descuberta da placa que daba o nome do poeta á rúa que ata entón lembraba ao Capitán Cortés. Na actividade desenvolvida pola mañá na cidade contábase coa presenza, entre outros, do presidente da RAG. García Sabell calificaba como acertada a decisión da muda do nome e lembraba na súa intervención ao homenaxeado e aos intelectuais da Xeración Nós.

 Política e documental

Había só dez anos que morrera Celso Emilio Ferreiro, circunstancia que fixo que por toda Galicia se realizasen actividades e fosen moitas as persoas que aínda daban conta de proxectos conxuntos e experiencias comúns. A xornada chegaba precedida pola polémica, ao afirmar Alonso Montero —que impartía unha conferencia sobre o poeta— que o PSOE presionara para que se lle dedicara o 17 de maio, aspecto desmentido dende a RAG, Xunta e a Fundación CEF. Nunha entrevista en La Voz Ferrín lembraba ao seu veciño e anunciábase unha serie documental da TVG sobre o escritor.

18-5-1989

Celanova acollía os actos do 17 de maio na memoria do poeta e a RAG celebraba sesión na vila, onde se inauguraba unha escultura de Acisclo Manzano.