00031715880943284604321
00031715880943284604321

A última das Isoliñas que garda a historia dos bolos de Celanova: «Quitábanlles os doces das mans!»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARREIRA CELANOVA / LA VOZ

CELANOVA

<span lang= gl >Concepción Fernández ten 97 anos.</span>
Concepción Fernández ten 97 anos. ALEJANDRO CAMBA

Concepción Fernández, aos 97 anos, recibe en Raigame un premio ás súas irmás, que rexentaron unha emblemática tenda de repostería durante cinco décadas

17 may 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Para moitas xeracións de Celanova, pensar nas Isoliñas é que se lles faga a boca auga. Durante máis de 50 anos, dúas irmás elaboraron os bolos máis famosos da vila: «Quitábanllos das mans!». O seu nome non era pola tenda, senón que así alcumaron aos nove irmáns da familia. Deles, tan só queda Concepción Fernández, que aos seus 97 anos lembra con detalle a historia e o sabor dos doces que fixeron famosas a Virxinia e María. Este venres entréganlle o premio Adolfo Enríquez na romaría Raigame.

Cando a Concepción un lle pregunta polas Isoliñas sorrí e levanta a man: «Aquí estou!». Os seus pais, Alfonso e Elisa, tiveron once fillos, pero dous deles morreron. Das catro mulleres, dúas dedicáronse aos doces e outras dúas foron costureiras, unha delas foi Concepción. «A min facer doces non me gustaba, a min gustábame comelos», asegura rindo. Aínda así, presume da tenda que tiveron as súas irmáns e que xa forma parte de historia de Celanova. Nos anos 30, colleron o traspaso dun local na rúa da Botica que xa vendía repostería. Pero foron as mans de Virxinia e a axuda de María as que fixeron famoso o lugar. Facían bolos, bica, hojaldres, torta de améndoa, brazos de xitano... E os domingos, os aclamados merengues. «Como só os facían un día eran do que máis gustaba, porque era máis especial», lembra.

O exquisito sabor dos seus doces conquistou a Celanova e aos concellos próximos. Naquel momento, non había moitas tendas de repostería polo que as Isoliñas eran moi demandadas: «A xente facía cola de noite e petaban na porta da casa para non quedarse sen doces». Os nenos máis afortunados cando saían do cole ían disparados para conseguir os seus bolos e os domingos despois de misa ou de catequese a xente corría para saborear os merengues. Nos días de festa, tanto das locais como das celebracións patronais doutros municipios como A Merca, os veciños ían ata Celanova para comprar os roscóns. Para acompañar as lambetadas, as irmáns tamén facían un licor café que foi moi solicitado ata que as familias empezaron a facelo na casa. Incluso Celso Emilio Ferreiro tomaba alí café. «Cantos máis doces facían, máis se vendían e o licor café igual», conta Concepción. Todas as elaboracións eran artesanais e a familia aínda gardou as ferramentas ata hai pouco.

Virxinia e María dedicaron toda a súa vida á tenda, que pechou a finais dos anos 80 deixando orfos a moitos padais de Celanova. Concepción perdeu unha parte da vida do negocio porque emigrou a Bos Aires con 25 anos. Viviu en Arxentina máis de 20 anos e confesa que «moi bos». Foise ca súa irmá e ambas traballaron como costureiras. A xente acudía xunto elas para facerlle encargos. Regresou a Celanova en 1975 para volver ca súa familia, aínda que di que se non fora galega, gustaríalle ser arxentina. Puido degustar de novo os doces das súas irmás, sobre todo «os libriños de hojaldre», que eran os seus favoritos. Hoxe recolle o premio «moi contenta» e cun ánimo que a caracteriza a diario. Para toda a familia é moi emocionante que se recoñeza a labor das Isoliñas e que sexa unha lembranza eterna da vila.