Tantos fondos europeos

Maite Rodríguez Vázquez
Maite Rodríguez O ÁBACO

CELANOVA

22 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Pensaba que os tempos das vacas gordas, no que a fondos europeos para rexións periféricas como a nosa, pasaran. Que tiveramos xa os mellores anos e, aínda que serviron para mellorar moitas infraestruturas, de pouco valeron para frear o crecente despoboamento. Pero resulta que non, que ata o ano 2015 nosa provincia foi a segunda de Galicia -e a primeira en relación ao número de habitantes- que máis diñeiro recibiu da Unión Europea. E por cidades, Ourense é a capital galega que máis diñeiro obtivo nese exercicio. Agora que España supostamente debe achegar á UE máis, polo menos Galicia segue sendo unha rexión prioritaria na recepción de fondos para o desenvolvemento. Mágoa que moito dese diñeiro háxase perdido en obras que non valen para nada, porque non se pensaron ou non se fixeron ben, como o centro de interpretación de parques naturais da capital ou a estación de autobuses de Celanova, nunca utilizadas e que empezan a ser pasto do paso do tempo. Por que o criterio foi investir tantos fondos europeos en infraestruturas e non no capital humano? Certo que facía falta de todo e que talvez, igualmente, aínda tendo dado unha formación maior en profesións adaptadas á economía local, a xente houbésese marchado a outras provincias ou outros países. Non se lle pode pór portas ao campo. Pero tanto diñeiro enterrado en saneamentos, tubaxes, estradas e agora, os pobos que teñen infraestruturas de alto nivel -a outros lles faltan aínda servizos básicos- morren sen xente que as use.