Localizan a un home de 80 anos cun golpe na cabeza e inconsciente en Cartelle

La Voz OURENSE

CARTELLE

CEDIDA

O veciño, que puido desorientarse ao saír a pasear, foi trasladado ao hospital tras sufrir unha caída

16 jun 2024 . Actualizado á 23:08 h.

Un veciño de 80 anos do municipio ourensán de Cartelle foi localizado este domingo inconsciente despois de saír a dar un paseo. A familia chamou ao 112 para avisar de que o home non regresara a casa. Os parentes estaban preocupados porque non tiñan noticias súas desde as once da mañá, hora na que saíra do domicilio familiar. Cando foi localizado por un veciño, na rúa, eran case as tres da tarde. Tiña un golpe na cabeza e perdera o sentido.

Dáse a circunstancia de que se activaron dous dispositivos, un para a procura do octoxenario, que puido desorientarse, e outro para a súa atención sanitaria porque as dúas incidencias rexistráronse de forma practicamente simultánea no 112. Foi despois cando se descubriu que o home ferido era o mesmo que faltaba da súa casa. Así, aínda que se desprazou un helicóptero medicalizado desde Ourense, finalmente o ferido foi trasladado en ambulancia ao hospital, xa consciente. Ademais dos sanitarios mobilizáronse axentes da Garda Civil e voluntarios de Protección Civil. Pola súa banda o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, mantívose en contacto coa familia para saber como evolucionaba. En principio, non corre perigo.