Barbadás supera o seu teito de poboación ao chegar aos 11.171 habitantes

La Voz OURENSE / LA VOZ

BARBADÁS

Pleno de Barbadás
Pleno de Barbadás Cedida

O municipio consolídase como o cuarto da provincia de Ourense

09 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Barbadás celebrou o primeiro pleno do ano no que se aprobou a revisión da poboación residente a 1 de xaneiro do 2023, que ascende a 11.171 habitantes, a cifra máis alta desde que se rexistran datos no Instituto Nacional de Estatística (INE). No 2019 superou por primeira vez a barreira dos 11.000 habitantes. Así, este concello consolídase como a cuarta vila en poboación da provincia.

«Barbadás medra pola calidade dos servizos que se ofrecen e polo traballo que se fai no ámbito cultural, do deporte e da conciliación, ademais de pola atención á mocidade e aos nosos maiores», destacou o alcalde Xosé Carlos Valcárcel.

O BNG de Barbadás reclamou que o goberno local socialista non use as redes sociais municipais de forma partidista. A moción quedou aprobada, aínda que non foi apoiada nin por PSOE nin pola edila de Democracia Ourensá. A tenente de alcalde, Victoria Morenza, explicou que as redes se usan unicamente para informacións de servizo aos cidadáns.

Na sesión plenaria debateuse unha moción do Partido Galego, na que o seu portavoz, Ramón Padrón, reclamou actuacións para solucionar as deficiencias no abastecemento, saneamento e limpeza de cunetas no municipio. Morenza anunciou que se financiarán tres proxectos co plan único da Deputación. Actuarase, entre outros lugares, nas Lamas, na rúa do Viso, onde se producen inundacións en garaxes, e en Piñor .