Chapa celebrou a súa romaría da Candeloira e tamén o San Brais

daniel González Alén SILLEDA

BANDE

Daniel González Alén

Ten unha antiga fonte milagreira e unha fermosa capela construída no ano 1748

11 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Coma cada ano dende tempo inmemorial, a parroquia de San Cibrao de Chapa, antiga capital do municipio de Silleda, celebrou a pasada fin de semana a romaría do San Brais, o santo avogoso para os vultos e as enfermades da gorxa, e da Virxe da Candeloria, na que se conmemora a presentación de Xesús no Templo e a Purificación de María, con misas rezadas e cantadas, bendición dos alimentos e procesión, e mesmo algúns devotos se achegaron deica a Fonte da Virxe para beber ou recoller a súa auga milagreira.

Nós estivemos na celebración principal do día 3, con misa cantada e procesión, na que faltaron a música e os foguetes. Houbo unha notable asistencia á que axudou o tempo solleiro que estamos a gozar, de xeito que a fermosa capela barroca, quedou pequena para acoller aos ofrecidos da parroquia e outros moitos da contorna. Oficiou a misa solemne o sacerdote Xosé Pérez, titular da parroquia e doutras de Silleda. A procesión coa imaxe do San Brais, levada por homes e mulleres, dou a volta ao redor da capela seguida polos devotos que, ao remate, continuaron prendendo cirios, achegando esmolas e tocando cos panos a imaxe para logo refregar a gorxas con eles.

A Fonte da Virxe debeu ser lugar de culto pagán na Prehistoria, ata que a Igrexa católica se encargou de cristianizala séculos despois, segundo dá conta a lenda dun ermitán que aquí atopou unha imaxe de pedra da Virxe que os veciños comezaron a venerar, erguendo unha sinxela ermida sobre a que, a medidos do século XVIII, se construíu a actual. A imaxe puidera ser a que ata hai medio século estaba nunha fornela na fachada principal e foi roubada xunto con outra da Nosa Señora da Piedade, aproveitando o afastamento do templo das casas, segundo nos contou o que fora nesta parroquia sacerdote Xosé Espiño Matos.

Fermosa edificación

A capela actual foi edificada no ano 1748 por conta de Matheo Taboada Mosquera, daquela cura párroco de Lebosende en terras do Ribeiro, segundo reza nunha longa inscrición nun dos muros interiores desta fermosa edificación que mestura estilos barroco e neoclásico con espadana e campá na fachada lateral. Este cura sería anos mais tarde, párroco de San Salvador de Escuadro e desta de San Cibrao de Chapa en 1756 e 1767, respectivamente. Era o segundo dos oito fillos que tivo o matrimonio formado por Alonso Taboada Mosquera e María Antonia Gíl Taboada, descendentes das familias fidalgas posuidoras dos pazos de Liñares en Prado e Brenzos en Losón, emparentados con outras notables estirpes dezás e galegas daqueles tempos, segundo ten publicado César Gómez Buxán (Xenealoxías dezanas: A desaparecida casa de Brenzos ? Descubrindo nº 11. SED. 2002).

Recentemente foi restaurado e colocado no recinto un antigo cruceiro que se gardaba en anacos no interior da capela, con rústicas imaxes de Cristo no anverso e a Virxe no varal. Os veciños din que veu dunha leira ao pé do vello camiño de Chapa a Bandeira.

A fonte a carón do regato local, que aquí ten unha pontella á que se chega por unhas escaleiras dende a capela, foi refeita con boas canterías en varias épocas e nalgún tempo, era moi concorrida polos ofrecidos que traían aquí os nenos que padecían o enganido ou «asombramento» e despois de mergullalos na auga milagreira, deixaban como exvoto as súas roupas que marchaban río abaixo levando a enfermidade.

Pola parroquia decorre o Camiño de Santiago preto da igrexa e castro locais, entrando pola ponte medieval sobre o Toxa, ao pé da que en tempos houbo un hospital de peregrinos e unha antiga torre-fortaleza. O camiño debía continuar por onda esta capela da Virxe da Fonte, que polo San Brais e a Candeloria engalanan agora as invasoras mimosas en flor e sobrevoan as cegoñas que aniñan na casa grande de Chapa, neste fermoso recanto das terras de Trasdeza, onde fomos un ano máis para cumprir coa devoción e a tradición.