Un taller de emprego de 400.000 euros forma a vinte persoas de Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín
BALTAR
A Xunta imparte un módilo de albanelería e outro de xardinería
24 feb 2025 . Actualizado á 14:41 h.O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao municipio de Baltar para supervisar as actividades do taller de emprego «Couto Mixto III». Durante a visita, estivo acompañado polo alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, o alcalde dos Blancos, José Manuel Castro, e o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investiu preto de 412.000 euros neste taller, no que 20 alumnos traballadores reciben formación. A metade nos módulos de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas e a outra metade, en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.
No municipio de Baltar, os participantes do taller están a traballar na rehabilitación dos fornos de Baltar, de Aldea e do Barrio en Boullosa, así como na restauración do lavadoiro de Meaus e dos fornos de Montecelo, do Bouzo, de Sabucedo e de Tixós. Tamén realizan labores de limpeza, roza e plantación de árbores e arbustos no centro médico de Baltar.
Nos Blancos, os traballos inclúen a reparación das áreas recreativas de Anguís, Nocedo e Covelas, ademais do acondicionamento da escola en Fontarcada e do edificio multiusos. En Calvos de Randín, restauran muros en Castelaus, Feas e Serois, ademais de realizar labores de roza e plantación de céspede no parque infantil e no exterior do velorio de Randín. Tamén están a desenvolver traballos de xardinería no parque de Peneda, na casa Cortés e no propio municipio.