Allariz expón ao público ou Plan Especial de Protección do Centro histórico

LA VOZ OURENSE

ALLARIZ

Casco histórico de Allariz
Centro histórico de Allariz Santi M. Amil

A cidadanía poderá consultar e presentar alegacións durante dous meses

05 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Concello de Allariz informou que o Plan Especial de Protección do Casco Histórico está en fase de exposición pública, tras a súa aprobación inicial no Pleno celebrado o 26 de decembro de 2024. O documento establece as medidas de ordenación e conservación que rexerán o conxunto histórico da vila, sendo de especial interese para os propietarios de inmobles situados nesta área protexida.

A documentación completa pode consultarse a través da web oficial «https://pecha.allariz.gal», e poderán presentarse alegacións durante un prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, que tivo lugar o 2 de xuño de 2025.

Para resolver dúbidas ou recibir asesoramento, o Concello ofrece un servizo de atención presencial co equipo redactor do plan. As citas concertadas previamente nos teléfonos 988 55 40 06 terán preferencia. As alegacións deberán presentarse por escrito, acompañadas do DNI, documentación da propiedade un escrito con razóns detalladas e, de ser posible, propostas alternativas e material complementario como planos, fotografías ou informes.