
Os beneficiarios teñen máis de 65 anos e a conselleira destaca o «gran exemplo de lugar de encontro interxeneracional»
13 abr 2025 . Actualizado á 17:03 h.O goberno galego anunciou este domingo a firma de tres contratos para o alugueiro doutros tantos pisos no edificio de promoción pública que hai na Rúa Irmandade de Allariz. A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, participou no acto protocolario de entrega das chaves a dúas dos beneficiarios, maiores de 65 anos.
Trátase dun edificio que conta con 32 fogares e que é propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Allegue tivo a oportunidade de conversar cos adxudicatarios e agradeceulles poder compartir con eles «un momento tan especial». Destacou, por outra banda, que o goberno autonómico «ten moi en conta as necesidades de todos os cidadáns e busca mellorar a calidade de vida dos galegos».
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas -que visitou Allariz acompañada da alcaldesa, Cristina Cid, e do delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo- subliñou que o edificio allaricense, no que conviven inquilinos de diferentes idades, «é un gran exemplo de lugar de encontro interxeneracional, de convivencia harmónica entre persoas de diferentes experiencias vitais».