
Música, viño e tradición únense no «Colleiteiros Son Festival», a nova aposta enoturística da comarca
30 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O verán chegou a O Ribeiro e faino acompañado dunha proposta que convida a saborear os seus mellores viños ao compás da música e nun escenario privilexiado: as propias adegas e viñedos dos viticultores. Así nace o Colleiteiros Son Festival, unha proposta que botará andar na próxima fin de semana e se repetirá os venres e sábados de xullo e agosto co obxectivo de converterse nun referente da cultura do viño en Galicia.
Organizado pola Asociación de Colleiteiros do Ribeiro e Vitivinicultura Artesanal de Galicia, o festival conxuga o mellor das producións vinícolas da comarca, das pequenas xoias enolóxicas elaboradas con coidado e tradición nas adegas dos propios viticultores, cunha coidada programación musical e gastronómica. O plan é achegar o viño ao público desde unha experiencia directa, auténtica e multisensorial.
Os asistentes poderán gozar de atardeceres suaves e noites cálidas entre vales e leiras, degustando os viños únicos de cada colleiteiro en espazos singulares e íntimos. Cada parada é unha proposta diferente: castes autóctonas, petiscos da terra, artistas emerxentes e grupos consagrados que porán a banda sonora ás noites do Ribeiro.
Dende a organización explican que o festival nace «co desexo de reivindicar o viño como parte inseparable da nosa identidade, da nosa paisaxe, da nosa cultura». E decidiron facelo cun formato novidoso, onde o visitante pode conversar cos produtores, descubrir viños que só existen no contexto das súas adegas e deixar que o territorio fale a través da súa xente e das súas castes.
Neste ano no que se conmemora o 75 cabodano de Castelao, os organizadores lembran as verbas do ilustre galeguista: «Viño que fai soñar e fai poesía. Viño que encende e alumea o esprito, e que deixa o corpo san». Un espírito que inspira este encontro entre tradición e vangarda, onde o Ribeiro se presenta como un mosaico plurivarietal: non só de uvas, senón tamén de sons, sabores, paisaxes e emocións.O festival pretende tamén ser un paso adiante cara a consolidar O Ribeiro como un destino enoturístico de referencia.