Orgullosos a pesar de todo

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE

Din que santa Rita é a patroa dos imposibles. Por iso non deixa de ter a súa graza que fóra este 22 de maio o día elixido polo goberno local para pór as contas sobre a mesa. Ao alcalde, ao que lle gusta facelo todo sobre a bucina e que só exerce a planificación para pagar orquestras e iluminacións, acabábaselle o tempo para sacar adiante os presupostos grazas a unha cuestión de confianza (Miguel Ascón explícao moi ben na súa crónica de hoxe). Os movementos do PSOE, que lle resultaron moi rendibles a Jácome, non parecen ter moita lóxica desde o punto de vista político: quen debería facer oposición despregaron unha alfombra vermella de 127 millóns de euros para que o líder de Democracia Ourensá transite o máis cómodo posible cara ás próximas eleccións municipais e gáñeas con máis folgura aínda. Nun momento no que o PP se decidiu por fin a asfixiar ao rexedor —metaforicamente falando— despois de regalarlle tantos e tantos balóns de osíxeno (non esquezamos como empezou esta historia), son agora os socialistas os que o levan polo aire ata as urnas. É estraño que o fagan cando levan anos censurando a súa xestión e as súas formas e xusto agora que a xustiza puxo o foco na súa actividade.

Os cidadáns asistimos a unha nova versión —e van demasiadas— de «entre todos matárona e ela soa morreu». Para quen leve mal as escenas políticas deste teatrillo que é Ourense, unha recomendación. Vaian o domingo ao Couto. Non vén mal sentirse orgulloso de ser de Ourense.