O cine acolleu o pase técnico do trinque de «Dopamina Zero»
26 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Co corpo revolto desde a primeira escena ata a última. Así queda o espectador tras ver Dopamina Zero, o curto dirixido por Rodrigo Marini e rodado no Barco de Valdeorras. Vinte minutos coñecendo o párkinson a través dun mozo músico que afronta unha enfermidade dexenerativa dura. Moi dura. Durísima. E así a reflicte a película. Juan José Ballesta está soberbio, evidenciando o moito que se preparou o personaxe a nivel motriz e de dicción, tal e como relevou os director minutos antes da proxección no cine barquense. Marini explicou que se inspirou nun amigo que recibiu o diagnóstico con 34 anos e que aínda que a cinta non entra na parte médica, si que buscou o rigor clínico para contar o que hai baixo a pel do paciente.
O curto rodouse integramente na capital valdeorresa. «Foi un acordo», remarcou Gerardo das Moreras, produtor executivo de Claqueta Blanca. O Malecón, a pasarela, a zona vella ou o aparcadoiro de Condesa de Fenosa mostran O Barco máis bonito, un que brilla, tal e como avanzou o presidente do cineclub, José María Rodríguez, que tamén agradeceu que Marini contase de novo con el (xa aparece na súa cinta anterior, Dragón Branco) para meterlle «detrás da pantalla» dándolle un pequeno papel. Tamén é local a música, con banda sonora a cargo de Sr. Jingles; e o viño, os godellos da Coroa, Godeval e Alán de Val aparecen en varias escenas.
Ballesta, contento e amable, quixo agradecer o trato recibido durante a rodaxe, en especial aos pais de Marini, Viky e Ricardo: «Sentinme como na casa». E sobre todo a Marini e Das Moreras, «por confirmar en min cando ninguén apostaba un duro».
Tras a estrea no Barco, agora comeza a xira polos festivais de cine.