Xunta e Hidrográfica crearán unha comisión técnica para coordinar a protección dos ríos tras os incendios forestais
OURENSE
As conselleiras de Medio Ambiente e Medio Rural acordárono co presidente da CHMS nunha reunión virtual na que tamén participaron representantes de 16 concellos afectados
19 nov 2025 . Actualizado á 23:07 h.Unha comisión técnica será a encargada de coordinar actuacións conxuntas de Xunta e Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para paliar o impacto dos incendios do verán pasado sobre os ríos. Así se acordou nunha reunión, mantida este mércores por videoconferencia, na que participaron as conselleiras de Medio Ambiente e de Medio Rural, o presidente da CMHS e representantes de 16 concellos afectados polo lume.
Despois de varias semanas nas que as distintas administracións defendían a súa parcela de traballo mentres os alcaldes pedían auxilio ante a chegada das cinzas ás captacións de auga para o consumo, produciuse a reunión, a distancia, dos representantes máximos de dous das consellerías máis directamente implicadas e do organismo de conca que xestiona boa parte dos ríos das provincias de Ourense e Lugo en zonas afectadas por incendios.
Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Xunta e Hidrográfica decidiron neste encontro virtual impulsar a creación dunha comisión técnica para coordinar actuacións de prevención e protección nas zonas afectadas polos incendios do verán. Segundo a CHMS, a proposta da súa creación partiu do presidente deste organismo, José Antonio Quiroga. As conselleiras Ángeles Vázquez e María José Gómez remarcaron a importancia desta reunión e lembraron que nas últimas semanas varios alcaldes, sobre todo da provincia de Ourense, manifestaron «a súa inquedanza ante os problemas detectados nalgunhas captacións de auga polo arrastre de cinsas á bacía Miño-Sil». Esta nova comisión servirá como punto de encontro para intercambiar información sobre o que fai cada administración e para dar conta de resultados, de avances, e para avalialos «co gallo de optimizar recursos e aunar esforzos que poidan reverter a situación actual», apuntaron desde a Hidrográfica.
Esta futura comisión técnica estará formada por representantes das direccións xerais de Patrimonio Natural e Montes, do organismo autonómico Augas de Galicia, do estatal da Hidrográfica Miño-Sil e de concellos de Ourense e Lugo que forman parte da demarcación.
Medio Ambiente apuntou que se puxo ao dispor do organismo estatal, que reiterou o seu ofrecemento de cooperar, e que Augas de Galicia levou a cabo actuacións na conca da súa competencia (Galicia-Costa). Así, Vázquez lembrou que se fixeron labores de prevención e de protección fluvial, con instalación de cordóns vexetais ou barreiras con elementos de madeira, en concellos como Ponteceso, Lousame, Toques, A Estrada, Agolada, Meaño, Vilaboa e Barreiros.
A consellería de Medio Ambiente enumerou as accións que se impulsaron desde este departamento, como a alimentación de herbívoros e o plan de voluntariado, con repartición de 214,5 toneladas de palla, herba, cereais e sal. A conselleira de Medio Rural puxo en valor os traballos de acolchado con palla (mulching) para protexer o chan nas zonas críticas máis afectadas polo lume. Gómez apuntou que se actuou en máis de 71 hectáreas con 260 toneladas de palla. En zonas de difícil acceso, a repartición faise desde un helicóptero con base no Barco.