A xuíza levanta a suspensión do pleno da moción de censura de Manzaneda e esta debaterase o luns

La Voz O BARCO

OURENSE

Amable Fernández, alcalde del PSOE en Manzaneda.
Amable Fernández, alcalde do PSOE en Manzaneda. LOLITA VÁZQUEZ

A sesión terá lugar ás 11.30 horas

18 nov 2025 . Actualizado á 20:36 h.

As alegacións presentadas polo secretario municipal de Manzaneda levaron á xuíza do xulgado do contencioso número 1 de Ourense a levantar a suspensión do pleno da moción de censura. O alcalde, Amable Fernández, conseguiu evitar que a sesión se celebrase fai un par de semanas alegando que dúas dos catro asinantes da moción de censura (os dous concelleiros do PP e dous tránsfugas do PSOE) non rubricaran o documento diante do secretario nin ante notario, polo que consideraba que era nulo. O socialista presentou un recurso contencioso e ao mesmo tempo pediu como medida cautelar que non se debatese a mocinó mentres non houbese resolución xudicial. A xuíza estimou esta segunda petición, que agora decae ao atender as explicacións do funcionario. Este asegurou, tal e como recolle o auto xudicial, que «autenticou as firmas da moción de censura, conforme a función de fedatario público que ten encomendada, e que -aínda que a autenticación non comprendeu a practicada ante notario nin tampouco a extensión das firmas do escrito de moción de censura á súa presenza- deunas por autenticadas a través dos medios de comprobación que detalla no seu escrito (a saber, a comparecencia persoal ante o secretario de dous dos asinantes para a presentación e rexistro da moción de censura, e o cotexo das restantes coas firmas obrantes en Secretaría, así como a comprobación a través dos DNI, sen prexuízo do coñecemento persoal directo que menciona)». 

Ao recibir a notificación, o aínda alcalde convocou a sesión para o vindeiro luns ás 11.30 horas. «Así aínda me dá tempo a rematar algunhas cousas e a ir á manifestación sanitaria do sábado no Barco», explica Fernández.

O aínda alcalde non esconde a súa sorpresa ante o cambio de criterio da xuíza. Ademais, lamenta que non agardase a resolver o fondo do asunto. A moción de censura levantou as críticas do PSOE, que acusou ao PP de Luis Menor de volver ao baltarismo e «comprar» alcaldes e concelleiros.