O Goberno pide á Xunta que se poña a traballar para completar o labor das súas 19 brigadas contra o arrastre de cinzas

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Rueda de prense del subdelegado del Goberno, Eladio Santos, y el presidente de la Confederación Hidrográfico del Miño Sil, José Antonio Quiroga, en el centro
Rueda de prense do subdelegado do Goberno, Eladio Santos, e o presidente da Confederación Hidrográfico do Miño Sil, José Antonio Quiroga, no centro Santi M. Amil

O subdelegado Eladio Santos defendeu que hai un plan de actuación previsto desde agosto para o dominio hidráulico pero falta para o monte, que é competencia autonómica

11 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Confederación Hidrográfica do Miño Sil (CHMS), dependente do Goberno, explicou este luns o seu plan de actuación ante o arrastre de cinzas dos incendios de agosto polas choivas. O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, quería aclarar «a desinformación que se propaga dende outras administracións». Mentres os veciños de varios concellos denuncian problemas de subministración, a administración estatal e a autonómica cruzan responsabilidades e non coñecen o traballo mutuo. Media hora despois de rematar a rolda de prensa, a Xunta enviou unha carta á Confederación para concertar unha reunión. 

Unha vez rematouse o lume, os incendios entraron nunha nova fase que xa non afecta o monte senón aos ríos. Coas primeiras choivas, as cinzas chegaron ás concas fluviais, deteriorando a auga e deixando sen abastecemento aos veciños. O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, defendeu este luns que a finais do mes de agosto xa se estaba traballando nun plan de prevención. Os incendios extinguíronse o 31 de agosto e o 9 de setembro, o Goberno xa tiña xente no terreo. Empezaron con nove brigadas e o 24 do mesmo mes, tras unha inxección de tres millóns de euros para a CHMS, ampliaron os equipos ata 19. Estarán a actuar ata marzo. Ademais, hai outras dez brigadas ordinarias por se se necesitase a súa colaboración.

Como explicou Quiroga, a autoridade de augas céntrase en tres ámbitos: o abastecemento, as zonas de risco de inundación e as protexidas ou Rede Natura. O plan inclúe previr as escorrentías, protexer as captacións de auga, limpar as canles e, despois, restauración da vexetación. «Tíñase que ter activado un plan semallante máis alá do dominio hidráulicos, nas zonas de monte, e aí é onde está a competencia do organismo autonómico, pero iso non se fixo», declarou o subdelegado do Goberno, Eladio Santos.

As 19 brigadas do Goberno colocaron barreiras e retiraron vexetación e tapóns dos ríos. «Están traballando especificamente nos incendios e seguirán ata o mes de marzo como mínimo, despois será a restauración hidrolóxica», apuntou Quiroga. En canto á efectividade destes traballos, o presidente da CHMS defendeu que cando a choiva é moderada teñen unha alta efectividade, pero cando é intensa pode perdela: «Non é posible contelo, hai un desbordamento pola cantidade de agua». Asegura que é o que sucedeu nos últimos días en Valdeorras, a comarca que máis está a sufrir problemas de abastecemento. Chegáronse a rexistrar ata 65 litros por metro cadrado nunha superficie de 40.000 hectáreas afectadas, que ademais presenta unhas importantes pendentes. 

Como os respectivos alcaldes denunciaron a última semana, as medidas non son suficientes e os ríos están contaminados. Segundo a CHMS é que é necesario complementar o seu plan con outras medidas aplicadas no monte, que é competencia autonómica. Quiroga aclarou que á Confederación lle corresponde actuar só en dominio público hidráulico: «Non ten absolutamente ningún cometido no monte, que supón o 97 % da superficie queimada, tampoouco no abastecemento, agás autorizar captacións, e tampouco en saneamento». Concordando con Eladio Santos, lembraron que aínda que os Concellos teñen competencias nestes aspectos, os seus recursos son escasos, polo que a Xunta cobra todos os anos un canon polo abastecemento de auga. 

Pola súa banda defenderon que se puxeron ao dispor da Xunta desde que aínda había lume. Quiroga relatou que o 28 de agosto enviaron cartas a Medio Rural e Medio Ambiente, despois fixeron varias reunións coa Consellería de Sanidade. O 19 de setembro, unha vez entrada a nova fase dos incendios, asegurou que informaron a Medio Rural as súas prioridades e lembráronllo o 16 de outubro por correo.

«Si necesitan autorización e colaboración de calquer tipo, damos máxima prioridade», declarou o presidente. Eladio Santos lamentou os problemas de abastecemento de auga potable dos veciños e incidiu en que a causa son os incendios: «A responsabilidade das políticas forestais é do goberno autonómico, así que invito á Xunta a que a afronte con todos os seus recursos, polo que pedimos que deixe de botar culpas a quen está traballando e se poña a traballar tamén». Media hora despois de que finalizase a rolda de prensa, a conselleira de Medio Ambiente rexistraba este luns unha carta para solicitar unha reunión á CHMS, unha proposta que se adiantou o pasado xoves. Ese día os titulares das consellerías de Presidencia, Medio Rural e Medio Ambiente reuníronse con algúns alcaldes da comarca de Valdeorras para tratar a situación. Os rexedores concluían que todas as administracións están a chegar tarde.

A Xunta non sabe como esta traballando a Confederación

 A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, trasladou a Quiroga na carta enviada este luns que «vendo a preocupación existente consideramos que esta xuntanza ten que celebrarse o máis urxente posible», xa que non teñen información sobre as actuacións que está a levar a cabo a CHMS. Alega que non pasa o mesmo no caso contrario. «É coñecedor de que, dende un inicio, a Xunta actuou de forma rápida e dilixente nos espazos emprazados no marco das súas competencias, ao tempo que nos puxemos a disposición da Confederación para colaborar no que fose preciso», declara na carta. Vázquez relata que o 29 de agosto xa se puxo en contacto con Quiroga para fixar unha data para a reunión. A conselleira defende a disposición e colaboración autonómica.

Detalla que actuaron habilitando barreiras anticontaminación para evitar que as cinzas chegasen aos ríos e así conservar limpo o abastecemento. En paralelo ás actuacións de Augas de Galicia, a Consellería de medio Ambiente e en colaboración coa de Cultura, organizaron un voluntariado con 400 persoas para crear franxas protectoras. A principios de outubro comezaron coa técnica de mulching, coa participación do CSIC. Lembrou que asinou convenios con 46 concellos, 35 deles ourensáns, para paliar os danos do lume.