







Durante os incendios que arrasaron a provincia este verán, o pavillón de Oira deixou de ser un espazo deportivo para converterse nun campamento militar. Alí instaláronse os efectivos que chegaron para reforzar os labores de extinción e apoiar os equipos que xa traballaban sobre o terreo. O recinto adaptouse con rapidez: zonas de descanso e áreas de coordinación ocuparon cada recuncho, creando unha base loxística desde a que os militares podían organizar quendas, repor forzas e planificar estratexias contra o avance do lume.
Día e noite, o campamento foi testemuña do esforzo dos militares, que traballaban con disciplina e constancia nunhas condicións esixentes e cambiantes. Tras longas xornadas nos montes, atopaban en Oira un punto de apoio esencial para recuperar enerxías antes de volver á primeira liña de lume. A súa presenza non só achegou reforzo técnico e operativo, senón tamén unha sensación de seguridade e esperanza para a cidadanía, que seguía con preocupación a evolución dos incendios. Non era para menos.