O PPdeG pide ao Goberno central máis axilidade nos traballos para evitar que a cinza dos incendios chegue aos ríos
OURENSE

Os deputados Argimiro Marnotes e Noelia Pérez subliñan que a Xunta xa está a realizar esas tarefas desde agosto
14 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Argimiro Marnotes e Noelia Pérez, deputados do PPdeG, visitaron este sábado a parroquia de Requeixo, en Manzaneda, unha das zonas afectadas polos incendios do pasado mes de agosto. Desde alí, pediron ao Goberno central máis axilidade nos traballos que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a realizar para tratar de evitar que a cinza chegue aos ríos e contamine a auga.
«Unha vez apagados os lumes, é fundamental crear as barreiras anticontaminantes necesarias, como xa vén facendo a Xunta desde o mes de agosto nas zonas da súa competencia», manifestaron os deputados populares, que tamén pediron ao Goberno central que atenda a demanda do executivo de Alfonso Rueda para achegar medios humanos e materiais aos traballos de recuperación das zonas afectadas polos incendios.
«Non se pode perder máis tempo porque entramos en época de choivas e os arrastres das cinzas poden provocar moitos prexuízos nos nosos ríos e captacións de auga, polo que urxe que o Goberno central e a Confederación Hidrográfica asuman as súas responsabilidades e leve a cabo os traballos necesarios no dominio público hidráulico da súa competencia, incluíndo as zonas de servidume que linda coa canle e na de policía que abrangue 100 metros a ambas marxes do río», din os deputados do PPdeG.