A gala do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán recaudará fondos para paliar os efectos dos lumes

OURENSE

Entrar ao evento do día 20 no teatro Lauro Olmo do Barco custará 5 euros
08 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A paisaxe de Valdeorras forma parte esencial da poesía de Florencio Delgado Gurriarán. Pero esas montañas, eses bosques, esa flora e esa fauna que tanto inspiraron ao protagonista do Día das Letras no 2022 xa non están. Os lumes de agosto mudaron a imaxe verde da comarca por unha negra que desde a fundación que espalla a figura do poeta queren axudar a recuperar. E con ese obxectivo, o padroado acordou cobrar entrada na gala de entrega do premio de poesía FDG que se celebrará o sábado 20 no teatro Lauro Olmo do Barco. Acceder ao acto presentao por Iria Pinheiro terá un custe de 5 euros e haberá tamén fila cero para quen queira sumarse desta maneira. «Necesitamos colaborar na revitalización da fauna e da flora», argumentou Débora Álvarez, xerente da fundación. Dixo que o obxectivo era sumar ás iniciativas que xa están en marcha.
A do 20 será unha gala solidaria, pero non melancólica. Álvarez defendeu que coa cultura, coa poesía e co humor «podemos cambiar o ánimo». No acto coñecerase o nome do autor gañador de entre os 138 que presentaron ao premio un total de 226 poemas.
As actividades da fundación continuarán o domingo 21 á unha da tarde na praza de Petín. Alí está previsto un encontro poético musical con Mario Colomán & The Clocks Band.
En outubro retomarase a programación centrada na relación de Castelao con Valdeorras. O sábado 4 está prevista unha viaxe en tren desde Monforte a O Barco (haberá bus desde Valdeorras para ir) na que Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez recuperarán a conversa de Castelao e Florencio cando o segundo acompañou ao primeiro no seu desterro a Badaxoz. A participación é de balde pero as prazas están limitadas a 50, polo que é preciso apuntarse previamente no formulario que está na web da fundación. O día 5 haberá unha conferencia de Pilar García Negro. Falará na sala Abanca do Barco.