
Mingo marcou o 1-1, pero o Arenas sentenciou no minuto 90
01 sep 2025 . Actualizado á 17:48 h.ARENAS DE GETXO (2): Gastesi; B. Diocou (Á. Vázquez min 76), Sillero, Paul Álvarez, Zabaleta; Zabala, Hidalgo (P. García, min 56), Verde, Borikó, Jorge Luis (Troncho, min 67), Colado
CD ARENTEIRO (1): Diego García; Alpha, Eliseo, Gorka P., Dani Llácer; D. Ferreiro, S. Aguza (N. Ramón, min 91), Brais Val (Adilson, min 65), D. Moreno (R. Richarte, min 81); Dani Romera (D. Glez, min 65) e Mingo
GOLES: 1-0, min 35: Baba Diocou; 1-1, min 71: Mingo. 2-1, min 90: Pablo García, de cabeza.
ÁRBITRO: Imanol Irurtzun. Expulsou con cartón vermello (min 51) ao local Paul Álvarez e amoestou a Pablo García, a David Ferreiro, Lluis Llácer, Adilson
INCIDENCIAS: Gobela. Herba artificial. Choiva. Primeira xornada en Primeira RFEF.
O Arenteiro viuse superado no arranque por un debutante en Primeira RFEF, o Arenas de Getxo; mellorou na segunda parte ante un rival con dez, pero acabou sucumbindo no seu arranque ligueiro en Getxo (2-1). O equipo local saíu a dominar e conseguiuno cun xogo alegre e veloz. Nos primeiros tres minutos, os vascos lograron dous saques de esquina e o terceiro traduciuse na primeira ocasión de gol. Rematou de chilena Paul Álvarez e a dúbida de se o balón entrara fixo intervir por primeira vez o Football Vídeo Support (FVS), a revisión de imaxes por parte do colexiado, que decretou finalmente non gol. Nos primeiros vinte minutos só houbo un equipo sobre o terreo de xogo, o Arenas Club que chegaba con facilidade por ambas as bandas ante un Arenteiro ao que lle custaba presionar e replegar. Emerxeu ademais a figura do último xogador en chegar ao histórico club vasco, Baba Diocou, un extremo esquerdo cedido polo Real Madrid Castela, que se converteu nun pesadelo pola súa velocidade e desborde na primeira metade.
O Arenteiro, con David Ferreiro póndose os galóns, quixo contrarrestar o dominio local e tras unha falta botada polo de Molgas chegou a primeira ocasión dos verdes. Centrou Llácer á área e o remate de Dani Romera case colle portería. Nunha contra, o Arenteiro fixo intervir dous minutos despois ao meta local Gastesi. Alpha fixo o que puido, pero Diocou mostrábase imparable por esa banda, pola que tamén se deixaba caer Jorge Luis. Seguían sucedéndose os saques de esquina do Arenas, que chegou a dispor de sete na primeira parte. Pero, ademais do balón parado, os de Getxo superaban ao Arenteiro en xogadas combinativas. Tras un novo remate de Borikó que cortou Gorka, chegou o primeiro gol do Arenas. Cunha gran carreira de Diocou desde a banda esquerda e un recorte a Eliseo, o extremo plantouse ante a meta e dun remate picado superou a Diego García. Non se conformou o senegalés e seguiu ameazando con máis tiros a porta. Con tanto traballo atrás, ao Arenteiro custáballe saír, aínda que Mingo intentou sorprender entre dous defensas tras recibir un balón en longo. Na prolongación da primeira parte, última ocasión clara, con outro desborde de Diocou que puido atallar in extremis Diego García.
No arranque da segunda parte, o Arenas quedou cun menos pola expulsión de Paul Álvarez por unha derriba a Víctor Mingo. Co novo escenario, o Arenteiro abriuse máis. Tras outro remate de Diocou, foi Eliseo quen probou cun disparo frontal que acabou en córner. Un libre directo de David Ferreiro obrigou a unha boa estirada do porteiro local. O Arenteiro tivo máis o balón e xogou mellor, mentres os locais perdían impulso. Froito desa maior intención, chegou o empate tras un bo centro desde a banda esquerda de Diego Moreno que rematou Víctor Mingo en boca de gol.
Tivo máis oportunidades o Arenteiro, un centro á área de Ferreiro, que ninguén cazou e un remate de Alpha. O empate parecía bo resultado, pero o Arenas non se conformou e, tras reclamar os visitantes un penalti, que o árbitro non concedeu tras revisar o VAR, Pablo García selou cun cabezazo o mellor debut posible para os locais.O Arenteiro ten que tomar nota.