A Xunta reorganizou a atención sanitaria na provincia de Ourense polos cortes nas telecomunicacións
OURENSE
 
	
											Nas zonas máis afectadas, a asistencia médica concéntrase en media ducia de localidades de referencia, aínda que a enfermería seguirá nos centros de saúde locais
19 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.A vaga de incendios afectou tamén á asistencia sanitaria nas comarcas máis castigadas polo lume. A caída das telecomunicacións en varios municipios impide que se poidan usar os sistemas de interconexión do Sergas que facilitan aos facultativos o acceso aos historiais dos pacientes, resultados de probas ou incluso a xestión de interconsultas, entre outros labores vinculados á prestación do servizo sanitario, polo que a Xunta ha decidiu reorganizar o servizo en Ourense.
Esta fin de semana instaláronse antenas de conexión vía satélite (Starlink) nos dous hospitais comarcais e nos principais centros sanitarios para centralizar neles as consultas médicas. Priorizouse a súa implantación nos centros de referencia de comarca e puntos de atención continuada tendo en conta tamén as distancias aos hospitais e o volume de poboación.
No oriente ourensán o cambio afecta os centros de Carballeda de Valdeorras, Vilamartín, Rubiá e O Bolo, cuxas consultas foron derivadas ao centro de saúde do Barco de Valdeorras. As de Petín e Larouco quedan vinculadas ao da Rúa; o de Viana do Bolo atenderá as de Vilariño de Conso e A Veiga e os veciños de San Xoán de Río e Manzaneda quedaron integrados no centro de Saúde de Trives.
Na comarca de Monterrei, o centro de saúde de Verín atenderá aos que teñen o seu cartón sanitario asignado a Oímbra e Cualedro, ademais da o consultorio de Alvarellos, Laza e Vilaza; e aos de Chandrexa de Queixa atenderáselles en Montederramo. En todos os casos, os centros de saúde seguirán abertos, xa que aínda que non teñan consulta médica si contarán con persoal de enfermería para atender as necesidades de carácter leve. Pola tarde, o Sergas anunciou que os centros de saúde da Veiga e Albarellos retomarían a súa actividade normal o martes.
Volven os maiores ás residencias
Noutra orde de cousas, a Consellería de Política Social informaba tamén o retorno de todos os maiores que durante estes días tiveron que ser desaloxados de varias residencias ameazadas polas chamas: Os 25 grandes dependentes de Chandrexa; os 120 usuarios da da Rúa e os 45 da da Mezquita. Tamén se confirma que o centro de día de Vilardevós volverá abrir as súas portas este martes.