Unha alerta enviada aos móbiles recomenda aos ourensáns que permanezan nas súas casas pola vaga de incendios
OURENSE

Os veciños da capital recibiron o aviso minutos antes das cinco da tarde
15 ago 2025 . Actualizado á 20:13 h.Á primeira hora da tarde deste venres saltou a Rede de Alerta Nacional dos móbiles, enviada a través de Protección Civil en diferentes puntos da provincia de Ourense, incluída a capital. «Ante o avance dos lumes, evite calquera desprazamento innecesario e permaneza na súa vivenda. Se está no exterior e non ten onde confinarse afástese dos lugares afectados. Siga as indicacións dos servizos de emerxencia e mantéñase informado a través das fontes oficiais», di a mensaxe.
Desde primeira hora da mañá, o ceo da cidade de Ourense está cuberto de fume e, por momentos, cae unha fina choiva de cinza. A esta situación súmase o vento, e a calor, que á primeira hora da tarde se achega aos 37 graos. A calidade do aire nas zonas afectadas polos incendios forestais é pésima e, na capital e no resto da provincia é moi mala, segundo os datos que recolle Meteogalicia nas estacións coas que conta en Ourense. O aviso aos teléfonos tamén chegou a zonas do sur de Lugo, en municipios da Ribeira Sacra como Sober.

Os incendios están a provocar cortes puntuais en diversas estradas, tanto nacionais como comarcais, polo que se recomenda non coller o coche para facer ningún desprazamento que non sexa necesario. Ademais, o forte e cambiante vento, pode provocar situacións perigosas, tanto para os condutores como para as persoas que se atopen nas zonas afectadas polos incendios.
O 112 de Galicia tamén insistía na mesma mensaxe a través dun comunicado:«Os técnicos alertan dun empeoramento das condicións nas vindeiras horas. Facemos un chamamento á poboación afectada polos incendios para que extremen as precaucións e sigan as indicacións dos servizos de emerxencias, como evitar achegarse ás inmediacións dos lumes e evitar desprazamentos».
La alerta fue emitida a modo preventivo en los concellos de Oímbra, Cualedro, Monterrei, Laza, Verín, Vilardevós, Riós, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, Montederramo, Parada de Sil, Castro Caldelas, A Teixeira, San Xoán de Río, Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Xinzo, Trasmiras, Baltar, Ourense, Folgoso do Courel y Rubiá.