A urbanización da rúa Terra do Souto en Rubiá e a súa contorna custará 280.000 euros

La Voz O BARCO

OURENSE

Rúa Terra do Souto en Rubiá.
Rúa Terra do Souto en Rubiá. CEDIDA

O Consello da Xunta aprobou o convenio entre o Concello e a Consellería de Vivenda

22 jul 2025 . Actualizado á 20:22 h.

O Consello da Xunta aprobou o convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Rubiá para acometer obras de acondicionamento na rúa Terra do Souto e os espazos públicos da súa contorna. A actuación suporá un investimento próximo aos 280.000 euros. A Xunta financiará o 70% das obras —case 197.000 euros— mentres que o Concello achegará os aproximadamente 84.000 euros restantes.

O obxectivo principal desta intervención é mellorar as zonas utilizadas como lugar de encontro e esparexemento veciñal, á vez que se evita a súa degradación urbanística e arquitectónica. Ademais, búscase incrementar a seguridade mediante o saneamento de infraestruturas e a construción de beirarrúas na zona antiga da localidade, xunto á instalación de barreiras de protección. O proxecto tamén inclúe un plan de humanización urbana, coa renovación da rede de iluminación —que será soterrada— e a mellora da contorna do parque infantil e as zonas verdes, onde se plantará céspede e árbores.

Unha vez aprobado o acordo, a Xunta encargarase de licitar as obras, que terán un prazo de execución de cinco meses.