O reinventor das Xociviga pon en valor os pequenos formatos: «As curtametraxes tamén son cine»

BARBARA MARÍA OURENSE

OURENSE

Mario Filloy
Mario Filloy MIGUEL VILLAR

Mario Filloy estará no festival Curtocircuito co seu último proxecto, titulado «Aquel ruído nocturno»

12 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Recentemente rematada a carreira, Mario Filloy chegou aos Mestre Mateo 2024 coa súa curtametraxe Illa Cordura, unha aposta pola animación en galego que naceu como o seu traballo de fin de grao. Desde entón, Filloy continúa labrándose unha carreira como cineasta. Este ano presentouse por segunda vez á sección de Novas Camadas en Cans con Liminal Station, e proximamente estará no festival Curtocircuito co seu último proxecto, que leva por título Aquel ruído nocturno.

A unha curta idade descubriu que coa cámara podía para expresar as súas ideas. Así que decidiu estudar Comunicación Audiovisual, convencido de que así podería dedicarse profesionalmente a contar historias. Ata o de agora, o tempo e os recursos só permitíronlle traballar en curtametraxes, un formato que considera moi valioso, «Os curtos tamén son cine. Moitos venos como unha ferramenta para adestrar unha mirada amateur, pero non deberían subestimarse», afirma con convicción.

A raíz de querer reivindicar o formato curto no audiovisual, Mario Filloy contou co apoio do Concello do Carballiño para transformar as Xociviga —o festival de cine máis antigo de toda Galicia— nun certame internacional de curtametraxes, dividido entre seccións competitivas e as que non entran a concurso.

Na súa orixe, as Xociviga funcionaban como unha mostra de cine e proxectábase unha selección de obras destacadas do ano correspondente. Filloy observou que estas xornadas non tiñan moito apoio e, cando se lle deu a oportunidade de organizalas, decidiu «darlles unha volta». Así, xunto co seu irmán, Daniel, o ano pasado reinventaron as Xociviga baixo o lema Ano Cero como un festival pechado para curtametraxes. Buscan difundir a importancia deste formato no audiovisual galego.

Aínda que Filloy non pode dedicarse ao cento por cento ao cine, seguirá contando historias coa súa cámara: «Non creo que este sexa o único camiño que teño, pero é algo que me gusta moito facer». Avanza que continuará apoiando o cine en Galicia con iniciativas como as Xociviga e proxectos propios que acheguen algo novo ao cine en Galicia.