O Concello de Ourense alerta dunha estafa en redes sociais con falsas ofertas no bus urbano
OURENSE

Os anuncios levan publicándose polo menos desde finais de abril
06 jun 2025 . Actualizado á 20:44 h.Desde fai ao redor de mes e medio, moitos ourensáns están a atoparse nas súas redes sociais cunha publicación que anuncia ofertas especiais no bus urbano. O Concello confirmou onte que se trata dun «intento de estafa».
En Facebook, por exemplo apareceron varias mensaxes, identificados como «publicidade» e lanzados por un perfil chamado «Transporte público de Ourense». Nun deles, ofértanse viaxes gratuítas para todos os ourensáns, a quen se invita a facer clic nunha ligazón que nada ten que ver coas canles habituais de comunicación do Concello. Nese caso ofertábanse 500 cartóns especiais para os primeiros que entrasen na web indicada.

«O Concello de Ourense aconsella non premer na ligazón nin na noticia para non caer nas mans dos ciberdelincuentes e lembra que este tipo de anuncios, de seren certos, serán comunicados polo Concello de Ourense a través das súas contas oficiais», di o goberno local, que non aclara que medidas tomou nin se denunciou os feitos ante as forzas e corpos de seguridade. Cabe lembrar que estes anuncios levan publicándose nas redes desde polo menos o 21 de abril.